miércoles, 30 de noviembre de 2011

Presentado o banco de tempo de Ordes

A concelleira Silvia Marín e Ismael Blanco, da empresa Deloga, presentando os bancos de tempo en Ordes.

Silvia Marín: "Este tipo de actividades axudan a solucionar problemas da vía diaria"

Un grupo de mulleres marroquíes ensinarán os segredos da súa cociña

O Concello de Ordes presentou esta mañá un novo proxecto no municipio consistente nun Banco do Tempo mediante o cal as persoas usuarias ofrecen e solicitan servizos e actividades intercambiando o seu tempo de xeito gratuíto. Trátase dun sistema de voluntariado mutuo que anima á xente a compartir o seu tempo e habilidades entre sí utilizándoo como moeda de cambio.

No acto de presentación desta iniciativa, a concelleira de Educación, Silvia Marín, insistiu na importancia deste tipo de actividades que, neste caso, axuda a solucionar problemas da vida diaria sen ter que gastar diñeiro, serve como ferrramenta que axuda a conciliar a vida laboral e familiar, fomenta a igualdade e a cooperación entre a veciñanza e as relacións entre persoas. 

Na presentación tamén participou o representante da empresa Deloga, Ismael Blanco, quen explicou o funcionamento do Banco do Tempo. Así, indicou que o único requisito para poder facerse socio do banco do tempo de Ordes é ter un mínimo de 18 anos. Tal e como explicou Blanco, en canto aos servizos e actividades de intercambio que se poderán realizar están de diferentes índoles como o acompañamento de persoas, conversas, masaxes, automaquillaxe, tarefas domésticas, pasar documentos a ordenador, idiomas e en definitiva calquera actividade que poida ser ofertada e demandada, iso sí os servizos intercambiados non poderán ser nunca configurados nin asimilados a relacións de traballo autónomo ou asalariado. Ademais o trato non ter porque ser directo entre dúas persoas podéndose facer tamén en grupo.

Gastronomía marroquí
O primeiro dos intercambios deste banco do tempo do Concello de Ordes  celebrarase esta mesma tarde, no que un grupo de mulleres marroquíes residentes en Ordes ensinarán gastronomía do seu país a cambio de conversas en español.

Todos aqueles que queiran participar nesta iniciativa poderán recibir máis información e facerse socio no departamento de Educación do Concello, no primeiro andar da Casa Consistorial, así como a través do teléfono 981680002 ou o correo electrónico bdt@ordes.dicoruna.es

*