lunes, 28 de noviembre de 2011

Manuel Regos apoia que a feira de Amio non se traslade a Silleda


O alcalde de Ordes mostrou esta mañá o seu apoio aos tratantes e empresarios de gando das asociacións Astragal e Agega


O alcalde de Ordes, Manuel Regos, recibiu esta mañá no Concello a representantes da Asociación de Tratantes de Gando de Galicia (Astragal) e a socios da Asociación Galega de Empresarios de Gando (Agega), a quen lles mostrou o seu apoio en referencia ao rexeitamento do traslado do mercado de Amio a Silleda.

Tal e como explicou o alcalde, o traslado da feira de gando de Amio en Santiago, ao recinto feiral de Silleda, sería un gran prexuízo económico para este sector en Ordes e a súa comarca. Así, engadiu, que no caso de que desaparecese a feira en Amio, gandeiros e empresarios do sector da zona non terían un lugar onde vender os seus produtos, xa que terían que facer un longo percorrido para poder ofertalos, cos gastos en traslados que isto conlevaría a maiores.

Cincuenta millóns de euros
Os representantes e socios tanto de Astragal como de Agega explicaron que non están en contra da feira de Silleda, e insistiron en que “as dúas feiras son necesarias e compatibles”. Ademais fixeron fincapé no feito de que a feira de Amio é unha das mellores de toda España, e das que mellor funcionan xerando 50 millóns de euros ao ano”.

Representando a Astragal estiveron en Ordes Ignacio Vázquez, José Fernández, Valentín Lista Gago e Manuel Regueiro Garabal. Como socios de Agega reuníronse co alcalde, Antonio Vázquez Santos e Ramiro Vázquez.

*