martes, 22 de noviembre de 2011

Pedreira: "O PSdG-PSOE en Ordes estará á altura da confianza que os veciños nos outorgaron"

O secretario local dos socialistas confirma que a súa formación seguirá traballando polos intereses do conxunto da cidadanía

O secretario da Agrupación local do PSdG-PSOE de Ordes, Xesús Pedreira, quixo agradecer hoxe a boa participación dos veciños e veciñas de Ordes no proceso electoral de onte, mostrándose especialmente satisfeito porque a xornada se tivera desenvolvido sen incidentes de consideración no noso municipio. Respecto aos resultados acadados pola súa formación, Pedreira considerou que ainda que o Partido Socialista non acadou un bo resultado, "son case que 1.600 os veciños e veciñas de Ordes que confiaron no Partido Socialista", apoio que o secretario local agradeceu "extraordinariamente".

Xesús Pedreira igualmente quixo expresar o seu agradecemento e recoñecimento ao "gran esforzo" levado a cabo tanto polo conxunto da Agrupación local socialista como tamén polos militantes, simpatizantes, interventores e apoderados do PSdG-PSOE que traballaron con tanta "ilusión e entusiasmo" durante a campaña electoral en Ordes.


O secretario local do PSdG-PSOE, Xesús Pedreira.
As frases de Xesús Pedreira, secretario da Agrupación local do PSdG-PSOE de Ordes
"O Partido Socialista seguirá traballando polo conxunto da cidadanía do noso país. A grave crise económica e financiera mundial vai permitir que agora goberne o Partido Popular durante os próximos catro anos, e o Partido Socialista está chamado a liderar a oposición de acordo coa nosa identidade política, os nosos valores e o compromiso cos intereses xerais do noso país e do conxunto da cidadanía"

"O Partido Socialista, nos seus 130 anos de historia, sufriu a clandestinidade, a persecución e a represión política. Coñecimos a victoria, pero tamén a derrota. O PSOE é o partido que por historia, maior arraigo ten na sociedade española e nesta bagaxe, situámonos para defender os servizos públicos universais, a igualdade entre os homes e as mulleres e o conxunto das libertades e dereitos civís conquistados ao longo de tantos anos e tanto esforzo"

*