miércoles, 2 de noviembre de 2011

O servizo de Axuda no Fogar de Ordes podería desaparecer


O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes analizou os recurtes nas axudas da Xunta de  Galicia

A Consellería pasa dos 90.000 euros anuais de subvención aos pouco máis de 9.700 

“Se a Xunta de Galicia non incrementa a súa parte na cofinanciación dos servizos sociais, cuxa subvención diminuíu nun 89% este ano, o vindeiro 1 de xaneiro a Mancomunidade de Ordes verase obrigada a deixar de prestar o servizo de Axuda no Fogar (prestación básica)”. Así de contundente se amosou esta mañá o presidente da Mancomunidade de Ordes, e alcalde de Ordes, Manuel Regos, durante a celebración dun pleno extraordinario e urxente da Mancomunidade para analizar os recurtes realizados nas axudas da Consellería de Traballo e Benestar para 2011.

Uns recortes que no exercicio de 2011 serán do 89% con respecto ás cantidades recibidas dende o ano 2008. Así, durante os últimos tres anos a Mancomunidade de Municipios de Ordes puido prestar o servizo de Axuda no Fogar grazas a unha subvención de 90.401,74 euros/anuais por parte da Xunta de Galicia e a unha aportación de 53.914,3 euros por parte dos propios concellos. Unha aportación que agora a Consellería de Traballo e Benestar recurtou ata tan só 9.757,05 euros, é dicir, seis veces menos que as propias aportacións que fan os sete concellos da comarca de Ordes.

Petición unánime
Por iso, a unanimidade caracterizou a sesión plenaria extraordinaria e urxente desta mañá en Ordes, na que participaron os alcaldes de Cerceda, Xosé García Liñares; Frades, Miguel Prado Patiño; Mesía, Mariano Iglesias Castro; Ordes, Manuel Regos; Oroso, Manuel Mirás Franqueira; e Trazo, Xosé Dafonte Varela. O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, excusou finalmente a súa presenza.

Todos eles aprobaron por unanimidade dirixirse inmediatamente á Consellería de Traballo e Benestar para, apelando á cooperación interadministrativa, tratar de resolver a difícil situación na que se deixa este recurte do 89% das aportacións da Xunta. Así, os alcaldes da comarca de Ordes solicitan un incremento significativo da financiación dos servizos e que non se produza unha nova reducción no ano 2012. Unha petición que trasladarán tamén ao presidente da Xunta de Galicia e ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

No caso de que a Consellería de Traballo e Benestar non atenda as xustas peticións da Mancomunidade de Ordes e dos Concellos que a integran, diante do desequilibrio orzamentario ocasionado pola decisión da Xunta, a Mancomunidade de Ordes non podería prestar o servizo de Axuda no Fogar nas condicións actuais. Os alcaldes da Mancomunidade de Ordes lamentan que os recurtes da Xunta deixen ás persoas beneficiarias actualmente deste servizo nunha situación de total vulnerabilidade, xusto nuns tempos nos que se fai máis precisa unha protección social.

De feito, aseguran que, como o anuncio da concesión se levou a cabo tan tardíamente, xerou uns gastos á Mancomunidade que serán imposibles de financiar polos concellos, xa que os seus orzamentos respectivos están practicamente executados na súa totalidade. Por iso, os alcaldes que integran a Mancomunidade de Ordes consideran que esta non é a mellor maneira de fomentar o asociacionismo municipal, tal e como pretenden impulsar dende o Goberno da Xunta de Galicia, xa que se está perxudicando a unha mancomunidade que é a que presta un maior número de servizos en materia de asistencia social básica de entre todas as existentes na actualidade.

Finalmente, lembran que de acordo coa lexislación vixente (tanto no recollido no Estatuto de Autonomía como na Lei 7/1985 reguladora das bases de Réxime Local, entre outras) os concellos non están obrigados a prestar estes servizos, senón que son competencia autonómica, aínda que moitos municipios achegan fondos municipais para poder prestar servizos ás persoas máis necesitadas. Unhas aportacións que se recoñecen como “servizos impropios” municipais.

Axuda no fogar 
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes presta actualmente o servizo de axuda a domicilio a través dunha empresa concesionaria. Un servizo que atende a 64 familias dos municipios de Ordes, Oroso e Frades e que pretende facilitar a permanencia dese veciño/a no seu propio entorno de convivencia mentras iso sexa posible e convinte.

Uns servizos que inclúen atencións de carácter persoal na realización das actividades da vida diaria tales coma asistencia para erguerse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, contro do réxime alimentario e axuda para alimentarse (se fose preciso), supervisión das rutinas de administración dos medicamentos prescritos polos médicos, apoios para cambios posturais...

*