O portavoz nacionalista tamén agradece o traballo e o compromiso dos afiliados e simpatizantes do BNG, responsables dunha campaña "memorábel"
O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro amosou hoxe a súa satisfacción co resultado obtido pola formación nacionalista en Ordes nas eleccións xerais de onte. O nacionalista agradeceu o apoio dos “case 1.000 veciños e veciñas de Ordes que contribuiron decisivamente a que Galiza siga tendo voz en Madrid” e afirmou que “a veciñanza de Ordes pode estar segura de que o BNG non os defraudará, e os seus deputados no Congreso traballarán con máis forza e entusiasmo que nunca para defender os seus intereses”.
Castro agradeceu tamén o “enorme traballo e o gran compromiso dos afiliados e simpatizantes do BNG de Ordes, que fixeron unha campaña inmellorábel, cunha presenza constante en todas as parroquias do Concello como o atesoran os trece mitíns organizados polo BNG nesta campaña e o contacto directo e permanente cos veciños e veciñas de Ordes”.
O portavoz do BNG en Ordes, Gonzalo Castro. |
“O gran traballo de campaña dos compañeiros e compañeiras do BNG, unido ao exercicio de dignidade e compromiso con Galiza e coas maiorías sociais dos veciños e veciñas de Ordes, ocasionou que o BNG obtivese uns resultados en Ordes que se situan claramente por riba da porcentaxe obtida tanto na provincia da Coruña como no conxunto de Galiza”
“O resultado destas eleccións xerais en Ordes supón a constatación de que o BNG goza dunha boa saúde no noso concello, e que está preparado para intensificar o traballo en defensa dos intereses da maioría social do noso concello, máis ainda nunha etapa histórica que se presenta especialmente difícil e onde a defensa dos valores da xustiza social e da igualdade de oportunidades, que sempre encarnou o BNG, faise máis necesaria que nunca”.
*