Esta medida facilitaría o acceso á información e a presentación de suxestións por parte dos veciños de Ordes
O Concello de Ordes rematará hoxe mércores o prazo de exposición pública do avance do PXOM sen organizar reunións informativas en cada unha das parroquias, tal e como acordara o pleno municipal de outubro por proposta do Partido Popular.
Ao negarse a organizar as reunións nas parroquias, informan dende o Partido Popular, o Concello de Ordes está privando de información de primeira man e deixando nunha situación de indefensión aos propietarios que por diferentes razóns –dificultades para desprazarse á vila ou incompatibilidade horaria- non pudieron achegarse á Casa Consistorial para consultar o documento, aclarar dúbidas ou, se fose o caso, formular suxestións a un Plan que, segundo os populares, presenta notables erros e carencias.
Para o Partido Popular, os reiterados esforzos do Concello para non dar a cara ante os veciños confirman as sospeitas de parcialidade que pesan sobre o avance do PXOM, sospeita que numerosos afectados puxeron xa en coñecemento do Partido Popular de Ordes.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"A decisión de non celebrar reunións nas parroquias constitúe unha nova evidencia da intención do Concello de despachar pola vía de urxencia, con ocultación e sen dar a cara ante os veciños, a aprobación inicial do PXOM"
"Nun primeiro momento, o Concello xa tentara tramitar a aprobación inicial do PXOM sen sometelo, sequera, a exposición pública, pero unha moción do PP abortou ese intento"
"Dende o PP de Ordes instamos ao Concello a reconsiderar a decisión e que se abra un prazo extraordinario para celebrar reunións informativas, con horario flexible, en cada unha das parroquias para ofrecer información completa aos veciños e facilitar a presentación de suxestións por parte dos afectados.