martes, 15 de noviembre de 2011

Jorquera chama aos ordenses a votar "útil" para Galicia

De esq. a der. Ana Pontón, Francisco Jorquera, Ramiro Recouso, Montse Rey e María Xosé Raña.

O candidato nacionalista garantizou o apoio "explícito" do BNG ao sector agrogandeiro ordense

O cabeza de lista do BNG ao Congreso por A Coruña, Francisco Jorquera, fixo un chamamento esta noite en Ordes a votar ao BNG porque “é un voto útil en Galiza e para Galiza”, “un voto para romper o bipartidismo e frear a maioría absoluta do PP”.

Jorquera explicitou o compromiso do BNG co sector agrogandeiro nunha comarca como a ordense, na que ten unha grande importanza esta actividade produtiva. Puxo en valor o traballo feito polo BNG nesa pasada lexislatura en demanda de prezos do leite en orixe xustos e equilibrados, iniciativas que pediron ao Goberno central o cambio de políticas na UE para superar as prohibicións e limitacións que teñen os nosos gandeiros para producir. Ademais, lembrou os retos do futuro como a negociación da PAC que precisa dunha posición de forza por parte do Estado español para que “Galiza non sexa a que pague os pratos rotos”.


Alternativas ao que está a pasar na actualidade
Jorquera deixou clara a utilidade do BNG para defender políticas ao servizo das persoas e non da banca. Nun contexto de caída do consumo, de atonía da iniciativa privada e de recortes “só se está a agravar aínda máis a crise en lugar de reactivala e dinamizala”. Enfatizou que “máis recortes é igual a máis paro e máis crise”. Avogou por máis investimentos públicos, máis Estado de Benestar cando algúns parecen querer facer das pensións, da educación e da sanidade unha oportunidade de negocio”.  

Nun momento no que se “deron axudas á banca privada por 120.000 millóns de euros, e que non serviu para que haxa crédito, o BNG aposta por converter o ICO nunha banca pública para poder recuperar así o fluxo de crédito aos autónomos, a pequenas e medianas empresas e a emprendedores. Na mesma liña, manifestou a aposta do BNG por converter o que queda da Caixa nunha banca pública galega que evite o “expolio do aforro galego”.  

Jorquera tamén explicou a proposta do BNG por incentivar o investimento público co obxectivo de estimular o medre económico. Un Plan, explicou, que desenvolva as infraestruturas e consolide a esixencia introducida polo BNG de que o investimento estatal en Galicia sexa do 8%

Momento da intervención do portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro Prado.
Críticas a Rajoy 
Jorquera aproveitou o acto para realizar unha crítica das afirmacións efectuadas por Mariano Rajoy nun coñecido xornal galego. Puxo en evidencia que o líder do PP elude comprometer prazos para a cegada do AVE a Galicia e salientou a súa falla de compromiso para a conclusión desta importante infraestrutura dicindo que vai depender das dotacións orzamentarias. “Se aspira a ser o presidente do Goberno terá que aclarar as súas prioridades, terá que dicer que compromisos ten para evitar máis retrasos. A súa resposta denota unha total falla de compromiso co país”.

Neste sentido, preguntou ao PP que “compromisos asume con Galiza se goberna no Estado”. “Rajoy non se compromete con Galiza porque non ten na mente a defensa dos intereses do país”, dixo Jorquera, quen engadiu que nun contexto como o actual “é máis necesario que nunca reforzar a presenza do BNG nas Cortes”.


*