Estado da pista de acceso a Buscás pola AC-524. |
Castro: "Quenes pagan as consecuencias desta actitude irresponsábel do alcalde e do PP na Xunta son os veciños”
O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que o BNG presentará unha moción no Pleno deste xoves para que “o goberno municipal arranxe de inmediato o deplorable estado do acceso á parroquia de Buscás desde a AC-524, que se atopa cheo de fochancas e case non permite a circulación de vehículos”.
A proposta dos nacionalistas, pasa, segundo Castro “porque o Concello acometa o arranxo do principal acceso á parroquia de Buscás, situado no cruce coa AC-524, e despois integre o mesmo no custo das obras da rolda leste que debe pagar a Xunta, ao formar parte este acceso dun tramo da rolda”.
O portavoz do BNG xustificou esta proposta no feito de que “os veciños e veciñas de Buscás non poden agardar máis para que arranxen este acceso, xa que o mal tempo está a agravar a situación e a imposibilitar o normal acceso dos veciños a unha parroquia que conta con máis de 500 habitantes”.
Gonzalo Castro criticou duramente ao goberno municipal e ao goberno do PP na Xunta aos que culpou de “facerlle pagar aos veciños de Ordes, e en particular aos de Buscás, a súa actitude irresponsable e partidista ao manter paralizada a execución da Rolda Leste, cun contencioso entre Concello e Xunta que xa resulta esperpéntico”.
“Uns polos outros e a casa sen barrer, mais o que resulta inadmisíbel é que quenes pagan as consecuencias desta actitude irresponsábel do alcalde e do goberno do PP na Xunta sexan os veciños e veciñas de Ordes”
*