miércoles, 9 de noviembre de 2011

Gran acollida das actividades culturais e deportivas do Concello de Ordes

Informática, ioga, pilates, bailes de salón, debuxo e pintura, ximnasia de mantemento e aeróbic son algunhas das actividades ofertadas 

Preto de medio milleiro de veciños de Ordes están a participar xa nas actividades culturais e deportivas postas en marcha polo Concello. Unhas actividades enmarcadas en dous bloques diferenciados, as do circuíto deportivo e cultural que teñen carácter trimestral, e as actividades de carácter anual.

En canto ás actividades trimestrais deron xa comenzo as clases de ioga nas que participan un total de 37 persoas, as de pilates con 25 participantes e as de bailes de salón nas que participan un total de 50 persoas nas modalidades de parella e en liña.

Ademais tamén deron comenzo diferentes cursos de informática, unha das iniciativas máis demandadas polos veciños do municipio. Estanse a celebrar un curso de iniciación a Windows XP no que participan 21 alumnos, outro de iniciación a internet con once participantes, e está previsto que o vindeiro luns 14 de novembro dea comenzo outro curso de Windows XP nivel medio e avanzado con doce participantes.

Actividades anuais
A estas actividades trimestrais hai que engadir ademais as actividades con carácter anual postas tamén en marcha polos departamentos de Cultura e o de Deportes do Concello, entre as que se encontran as clases de ximnasia de mantemento que teñen lugar os martes e xoves de 19:30 a 20:30 horas e que contan con 31 participantes; as de aeróbic os mesmos días de 20:30 a 21:30 horas nas que participan unha trintena de veciños; e finalmente as de debuxo e pintura que se celebran os venres e sábados e que contan cun total de 142 alumnos e entre nenos e adultos.

Dende o Concello mostraron a súa satisfacción pola gran acollida que un ano máis teñen estas actividades entre os veciños e veciñas do municipio.

*