Organizado pola Asociación Forestal de Galicia, será o luns 4 ás 20:00 h. no Museo do Traxe Juanjo Liñares
A Asociación Forestal de Galicia organiza o vindeiro luns 4 de outubro en Ordes un seminario sobre planificación e xestión forestal sostible. Neste seminario, financiado con fondos FEADER a través dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Medio Rural e a Asociación Forestal de Galicia, preténdese informar aos propietarios forestais interesados sobre os beneficios de contar cun instrumento de xestión das súas propiedades.
O seminario terá lugar o luns 4 de outubro no Salón de actos do Museo do Traxe Juanjo Liñares ás 20:00 horas e será impartido por Francisco Dans del Valle, enxeñeiro de Montes e director da Asociación Forestal de Galicia. Os propietarios forestais, particulares e comunidades de montes, así como expertos e estudantes da comarca interesados en asistir a este seminario, poderán inscribirse gratuitamente chamando previamente aos teléfonos 981 564 011, 981 569 140 e 618 752 214.
Planificación forestal. Que é?
A planificación forestal é unha ferramenta de apoio aos propietarios e xestores de montes na toma de decisións necesarias para acadar un bo uso e conservación dos recursos forestais. Unha correcta planificación permitirá ao propietario forestal obter unha periodicidade nas rendas ao mesmo tempo que se maximizan os beneficios ambientais, sociais e culturais do monte. Esta planificación plásmase nun documento de xestión que pode ter distinta categoría segundo a superficie do monte, o estado forestal, etc.
A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural de Ordes
"Animamos a tódolos nosos veciños a que participen neste seminario e coñezan de primeira man as vantaxes e beneficios que supón contar cun plan de xestión. É importante que os propietarios particulares e xuntas reitoras teñan como prioridade entregar o monte aos seus 'descendentes' en mellores condicións que cando eles o recibiron e neste seminario recibirán toda a información necesaria para cumprir con este obxectivo".