domingo, 31 de octubre de 2010

A comisión para a violencia de xénero xa comezou a traballar

Participan representantes do Concello, Corpos e Forzas de Seguridade, xulgados, centro de saúde, CIM,  servizos sociais e Subdelegación do Goberno

O Concello de Ordes, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, pon en marcha novos mecanismos para consolidar o Protocolo de Actuación para a Atención Integral a Vítimas de Violencia de Xénero, elaborado no ano 2008 entre diferentes organismos.

Así, esta semana celebrábase unha reunión na Casa do Concello de Ordes, na que estiveron presentes o alcalde, Manuel Regos, o concelleiro de Servizos Sociais e Terceira Idade, José Manuel Tobío, e representantes de diferentes institucións implicadas no protocolo como corpos e forzas de seguridade, xulgados, centro de saúde, servizos sociais, o Centro de Información á Muller do Concello de Ordes e a Subdelegación do Goberno. Unha reunión na que se tratou o tema específico da atención ás mulleres inmigrantes vítimas de violencia de xénero e a trata de persoas con fins de explotación sexual, así como se acordou a creación dunha comisión para a violencia de xénero.

Esta comisión, que se reunirá de maneira trimestral, constará ademais de diferentes grupos de traballo que estarán compostos por representantes dos diferentes organismos dependendo da temática a tratar en cada momento.

Xornada formativa no centro comarcal
Por outra banda, e como complemento e reforzo a esta actividade e ao protocolo, o pasado venres  celebrouse no Centro Comarcal de Ordes unha xornada formativa que estivo dirixida ao personal das institucións implicadas, co fin de que coñeceran todas as novidades e información acerca desta problemática, centrándose sobre todo, nas mulleres inmigrantes vítimas de violencia de xénero e a trata de persoas con fins de explotación sexual.

Outra das actuacións que completarán este conxunto de iniciativas, será a elaboración de dípticos, dirixidos especialmente a mulleres inmigrantes vítimas de violencia de xénero. Uns dípticos que se editarán en varios idiomas, castelán, inglés, francés e árabe, e nos que se recollerán diferentes cuestións como o que é a violencia de xénero, tipos de maltrato, a onde se pode acudir no caso de ser unha vítima, dereitos e axudas das que se dispón como vítima e outras cuestións de especial interese para estas mulleres.

A frase de Xosé Manuel Tobío, concelleiro de Servizos Sociais e Terceira Idade de Ordes
“Esperamos que o esforzo compartido dos organismos públicos na loita contra a violencia de xénero e a atención ás vítimas contribúa, na medida do posible, a diminuir esta lacra social”

Foto: Reunión da comisión para a violencia de xénero do Concello de Ordes esta semana na Casa do Concello.

*