Haberá obradoiros de pandeireta, gaita, tiro con arco, pilates, así como diferentes cursos de informática
O Concello de Ordes, a través do departamento de Cultura e Deporte que dirixe Xosé Ramón Vázquez Raña, prepara unha nova edición do 'Circuíto deportivo e cultural' que traerá durante este trimestre ao municipio diferentes actividades para o disfrute dos veciños e veciñas de Ordes. Así os ordenses que estean interesados, poderán inscribirse nun amplo abano de actividades, entre elas, obradoiros de pandeireta, gaita, tiro con arco, pilates, así como diferentes cursos de informática.
Concretamente e no relativo ás clases de pandeireta, está previsto que se celebren os martes de novembro, decembro e xaneiro nas instalacións da Escola de Música. No mesmo lugar, pero os mércores, terán lugar as clases de gaita, día no que tamén se celebrará o obradoiro de tiro con arco de 20 a 21 horas no pavillón Campomaior. Os luns e os mércores celebraranse as clases de pilates de 20 a 21 horas.
Cursos de informática
Por outra banda tamén se realizarán diferentes cursos de informática, moi demandados polos veciños. Haberá tres cursos adicados á iniciación en Windows XP, de 20 horas de duración cada curso. O primeiro deles terá lugar os luns e mércores do mes de novembro de 10 a 12 horas na aula de informática da Casa da Cultura; outro celebrarase os martes e xoves de novembro de 18 a 20 horas, e por último, no mes de xaneiro celebrarase o terceiro os martes e xoves de 18:30 a 21 horas tamén na Casa da Cultura.
A estes cursos sumaranse ademais outros dous de perfeccionamento en Windows XP, un os martes e xoves de novembro de 20 a 22 horas e outro os luns e mércores de xaneiro de 19:30 a 22 horas. Tamén se celebrará en novembro un curso sobre redes sociais dirixido a pais e nais, e por último outro de perfeccionamento de Excel os luns e mércores de xaneiro de 17 a 19:30 horas na Casa da Cultura.
Dende o Concello advirten de que se poderán producir cambios nos horarios e lugares de realización dos cursos.
Para poder participar nestes cursos haberá que facer unha inscrición, cuxo prazo xa está aberto ata o próximo 27 de outubro. As fichas de inscrición poden recollerse e deberán entregarse no departamento de Cultura e Deporte situado na planta baixa da Casa do Concello, onde tamén se poderá recibir máis información acerca das actividades e os prezos das mesmas.
A frase de Xosé Ramón Vázquez Raña, concelleiro de Cultura e Deporte de Ordes
"Animo a todos a que participen nestas actividades, coas que se pretende dar unha alternativa de ocio aos adultos ordenses, e ao mesmo tempo formalos nalgunha especialidade tanto cultural como deportiva, así como na informática, tendo en conta o momento no que vivimos e a importancia de ter coñecementos neste ámbito”
*