martes, 19 de octubre de 2010

O BNG acusa ao alcalde de "defender aos especuladores" co retraso do PXOM

Gonzalo Castro critica que "en tres anos non se rematase nin sequera o avance" e que o alcalde "intente engañar aos veciños con mentiras"

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, acusou onte ao alcalde Manuel Regos, de “favorecer aos especuladores co retraso na tramitación do PXOM de Ordes”.

Castro afirmou que “detrás da lentitude na tramitación do PXOM existen sospeitas fundadas da existencia de intereses inconfesábeis, que buscan provocar que non se aprobe definitivamente o mesmo no presente mandato municipal, o que abocaría a Ordes a seguir padecendo un desenvolvemento urbanístico caótico e pouco sostíbel.”

O portavoz nacionalista acusou ao alcalde “de manter tres anos paralizada a tramitación do PXOM e intentar engañar aos veciños xustificando o retraso con excusas que non son máis que mentiras, cando é precisamente agora, nun momento de crise, cando mais se necesita un PXOM que dea un impulso ao noso Concello”.

Segundo Gonzalo Castro “coas excusas do alcalde para non acelerar a tramitación do PXOM demostrase que para él é máis importante manter a vixencia dunhas normas subsidiarias obsoletas, que benefician a uns poucos especuladores, antes que aprobar un PXOM que beneficie ao conxunto dos veciños e veciñas de Ordes, permitindo que o noso Concello poida desenvolverse urbanísticamente de xeito equilibrado”.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"O BNG defenderá que se aprobe canto antes un PXOM que permita un desenvolvemento urbanístico equilibrado, que fomente a creación de vivenda protexida e que prime a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ordes"

*