Os populares acusan á anterior delegada de Medio Rural, Olga García, de "enganar aos veciños" e antepoñer a súa militancia nacionalista ao rigor e seguridade xurídica
Martínez Sanjurjo, enxeñeiro forestal e candidato popular de facto á alcaldía de Ordes, estréase divulgando un completo informe da situación real da parcelarias do noso municipio
Dende a Xestora do Partido Popular de Ordes informaron esta tarde de que varios representantes da formación mantiveron unha reunión na Xunta de Galicia "para axilizar os procesos de concentración parcelaria que se están a executar" e reclamar "o máximo rigor para que se respecten os dereitos de todos os propietarios".
Olga García entre Lino Gaudeoso e Gonzalo Castro en xaneiro de 2009. |
Logo das "afirmacións contraditorias e carentes de rigor" que se teñen efectuado nos últimos días "para confundir aos veciños", o Partido Popular de Ordes informa que os propietarios con terreos nas zonas de concentración parcelaria de Beán-Pereira II, Parada II e Mercurín-Lesta II "poderán coñecer nas próximas semanas as fincas de reemprazo que lles corresponderán, abríndose logo o período de alegacións".
Simultaneamente, sempre segundo o comunicado dos populares, os propietarios de Ardemil, Leira, Buscás e Barbeiros-Vilamaior II, que xa tomaron posesión das fincas de reemprazo tempo atrás, recibirán os títulos de propiedade ao longo do ano 2011 ou, como moi tarde, o 2012.
Pola súa parte, os propietarios de Montaos están a sofrir as consecuencias da "xestión chapuceira do anterior Goberno bipartito", que deu posesión das novas fincas "sen ter completado todo o proceso legal necesario, deixando pendentes de resolver numerosos recursos e sen solucionar tampouco a afectación derivada do trazado do Camiño Inglés" que atravesa a parroquia.
Toda esta información foi recompilada polo Partido Popular de Ordes nunha reunión celebrada nos servizos centrais da Consellería de Medio Rural cunha dobre intención: reclamar a axilización das concentracións que están en marcha e trasladar aos veciños afectados información fidedigna sobre o proceso.
Martínez Sanjurjo, candidato do PP á alcaldía de Ordes. |
Na reunión participou o candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, que pola súa condición de enxeñeiro técnico forestal e auxiliar técnico en topografía, é un bo coñecedor de todas as fases que integran calquera proceso de concentración parcelaria. Tamén asistiu a presidenta da xestora local do PP, Estrella Vázquez Varela.
O Partido Popular de Ordes aclara que boa parte das demoras que están a padecer os veciños afectados polas diferentes concentracións parcelarias que se están a executar no Municipio son consecuencia da actuación irresponsable da anterior delegada de Medio Rural, que antepuxo a súa militancia nacionalista e a busca de réditos electorais mediante o engano, fronte ao rigor, a planificación ordenada e a necesaria seguridade xurídica que debe caracterizar calquera concentración parcelaria, un proceso complexo de ata oito fases diferentes.
“Antes de desinformar, hai que contrastar os datos; e en lugar de competir en despilfarro e en enganos, como sucedeu durante a etapa do bipartito, hai que actuar coa seriedade coa que traballa o actual equipo da Consellería de Medio Rural”, afirman desde o PP de Ordes.
CONCENTRACIÓN PARCELARIA NO CONCELLO DE ORDES
Situación actual segundo informan dende o Partido Popular de Ordes.
1º.- BEÁN-PEREIRA II:
a) O decreto da zona é do ano 1991, e as bases definitivas (fincas aportadas) son firmes dende o 25/04/1999. Non se pode falar, polo tanto, dunha espera dun cuarto de século.
b) En datas próximas, vaise efectuar a exposición publica do Acordo de Concentración Parcelaria da zona, o que implica dar a coñecer as propietarios as fincas de reemplazo, logo de resolver as alegacións interpostas contra o proxecto exposto no ano 2008. Xa se convocou a xunta local da zona.
c) Coa exposición pública achegaránselle aos propietarios as fichas de atribucións da nova fase e abrirase un prazo de un mes para a presentación de recurso de alzada.
d) Neste momento dende a Consellería de Medio Rural, estase axilizando o trámite de contratación do amojonamiento (sinalización dos lindeiros) das fincas de reemprazo, que será coñecido nas vindeiras semanas.
e) Posteriormente publicarase o correspondente aviso de toma de posesión das novas fincas e abriranse os prazos contemplados na lei 12/2001 para a comprobación de superficie e retirada do arborado.
f) Finalmente, declararase a firmeza do acordo, unha vez resoltos todos os trámites e continuarase coa elaboración dos títulos de propiedade e a protocolización notarial da acta de reorganización de propiedade.
Prazo estimado de remate proceso: 2 anos, mínimo.
Non respectar eses prazos implicaría inseguridade xurídica para os propietarios.
2º.- ARDEMIL, LEIRA, BUSCÁS, BARBEIROS-VILAMAIOR II E MONTAOS:
a) Nestas zonas deuse posesión provisional das fincas de reemprazo aos propietarios. Ardemil, Leira e Buscás son as mais avanzadas e estase cos últimos flecos de resolución das reclamacións. Vaise publicar a firmeza do acordo en breve, contratar a elaboración dos títulos de propiedade e efectuar a acta de reorganización da propiedade. Ao longo de 2011 ou comezos de 2012 efectuarase a entrega de títulos de propiedade.
b) Barbeiros-Vilamaior II. Tamén ten toma de posesión provisional e neste momento estanse a resolver as reclamacións de superficie. En breve colocaranse os marcos que quedaron pendentes logo da toma de posesión (novembro 2008), e procederase de igual xeito que no resto das zonas mencionadas.
Firmeza do acordo e acta de reorganización da propiedade: ano 2011.
c) Montaos II. Aínda ten pendente a notificación dos recursos de alzada, que se efectuará en breve, así como as reclamacións de superficie e corrección de erros no amojonamiento. Así mesmo tratarase de dar unha solución satisfactoria aos afectados polo trazado do Camiño de Santiago (Camiño Inglés).
A toma de posesión das fincas de reemprazo deuse dun modo apresurado en novembro do 2007, e agora son os propietarios os que pagan as consecuencias, aínda 3 anos despois.
Firmeza do acordo e acta de reorganización da propiedade: sen data fixa
3º.- PARADA II e MERCURIN-LESTA II;
a) En ambas zonas estase á espera da exposición publica do proxecto das novas fincas. Este trámite efectuarase en breve, en cuestión de semanas, unha vez que dende a administración se convoquen as xuntas locais. Abrirase un prazo de alegacións e, a continuación, a empresa adxudicataria dos traballos procederá a elaborar os planos do acordo.
b) Dende a Consellería tratarán de axilizar no posible os tempos das seguintes fases, a fin de que os propietarios poidan botar man das novas fincas canto antes.
De ningún xeito se pode dicir que estes procesos rematarán nos próximos meses, nin que os investimentos da anterior lexislatura así o prevían, cando son tantos e tan laboriosos os trámites que faltan ata acadar a toma de posesión, e máis aínda a firmeza do acordo e posterior acta de reorganización da propiedade.
Non respectar os diferentes prazos e fases legalmente establecidas implicaría inseguridade xurídica para os propietarios.
Moitas das demoras que se están a producir nas diferentes zonas de concentración de Ordes veñen derivadas do modo de actuar da anterior delegada do medio rural: falta de planeamento e busca de intereses unicamente partidistas (BNG) por riba do rigor e veracidade que se lle debe esixir a calquera cargo público.
*