viernes, 1 de octubre de 2010
A Mancomunidade impulsa mediante un curso a autonomía das persoas con discapacidade
O programa pretende axudar á integración dos discapacitados proporcionándolles técnicas de desenvolvemento de forma independiente
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes iniciou hoxe un curso de autonomía persoal dirixido a persoas con discapacidade de todos os concellos da comarca: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. O curso, que se desenvolve por segundo ano consecutivo, vaise prolongar ata finais de maio de 2011, con cinco horas diarias de clase en horario matinal. Impartido por unha docente e unha auxiliar especializadas, atende a trece alumnos con distintos tipos de discapacidade co obxectivo de proporcionarlles técnicas para desenvolverse de forma independente no mercado laboral e no ámbito social.
O presidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, que acudiu á clase de apertura nas instalacións da Casa da Cultura de Ordes acompañado polo alcalde de Ordes, Manuel Regos, e pola concelleira de Discapacidade, Silvia Marín, salientou tamén a diversidade de actividades que se levan a cabo no curso. De feito, hai obradoiros de debuxo, lectoescritura e manualidades nos que o alumnado pode desenvolver a súa creatividade, outros de cociña e tarefas domésticas que ademais serven para afondar na socialización dos participantes, ou de baile e diversos exercicios para estimular as súas capacidades físicas e psicomotrices.
Servizo 065
O curso, xestionado pola Mancomunidade, está subvencionado pola consellería de Traballo e Benestar a través dun programa de cooperación. O servizo 065, dependente tamén deste departamento autonómico, colabora no transporte dos alumnos ás clases. De forma provisional, as sesións teñen lugar na Casa da Cultura de Ordes, ata que nas vindeiras semanas estean de novo dispoñibles as aulas de formación do Mesón do Vento que xa acolleron esta iniciativa a pasada tempada.
Fotos: Momentos das clases de autonomía persoal da Mancomunidade de Municipios de Ordes.
*
Protagonistas:
Manuel Regos,
Miguel Prado Patiño,
Silvia Marín