martes, 26 de octubre de 2010

Importante conferencia para coñecer e evitar o derrame cerebral

O 29 de outubro o salón de actos do Museo do Traxe Juanjo Liñares acollerá unha nova charla dos Venres Saudables

O vindeiro venres 29 de outubro de 2010, coincidindo co Día Mundial do Ictus, terá lugar a primeira destas charlas sobre o "Coidado a persoas con derrame cerebral" no auditorio do Museo do Traxe Juanjo Liñares ás 20:30 horas, charla que correrá a cargo de Xesús Caamaño Caramés, enfermeiro de neuroloxía do C.H.U.S. e profesor asociado á Escola Universitaria de Enfermería.

Dentro desta nova etapa de Venres Saudables impartirase un ciclo de conferencias que teñen como obxectivos principais detectar grupos de poboación vulnerables e valorar críticamente situacións e conductas de risco para a saúde, decidindo os medios persoais máis axeitados para evitalas.

Curso para coidado de enfermos crónicos
Por outra banda o Concello de Ordes organiza un "curso de atención psicosocial a enfermos crónicos" do 22 ao 29 de novembro no Centro Comarcal de Ordes en horario de tarde, de 16.00 a 19.30 horas, de luns a venres.

Este curso está adaptado para a poboación xeral sen experiencia/coñecementos previos do tema, para coidadores informais que poidan aplicar os contidos no seu coidado diario e para persoas que desexen aplicar os contidos de xeito profesional (traballadores de centros de día, centros residenciais...)

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse no Departamento de Sanidade e Medio Ambiente, no 2º andar do Concello ata completar as 20 prazas ofertadas. Terán preferencia aquelas persoas que teñan ao seu coidado algún enfermo crónico.

Podes coñecer máis desta enfermidade a través deste video da Sociedade Española de Neuroloxía:



A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Sanidade de Ordes
"Trátase dun novo ciclo de charlas onde ademais de informar á poboación sobre temas de interese con respecto á saúde tamén se ofrece un foro de participación onde resolver dúbidas ou intercambiar experiencias"

*