martes, 26 de octubre de 2010

"O Concello de Ordes non existe para o PP"

Ana Pontón e Gonzalo Castro, esta mañá en rolda de prensa informativa.
Así o denunciou esta mañá  Gonzalo Castro ate os medios de comunicación

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, e a deputada nacionalista Ana Pontón, compareceron esta mañá ate os medios de comunicación en Santiago de Compostela para denunciar a situación de Ordes nos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio 2011. Castro afirmou que “o Concello de Ordes non existe para o Goberno do PP, ao quedar excluído dos Orzamentos da Xunta de Galiza.”


Gonzalo Castro lembrou que “no tocante aos servizos sociais non se atende a vella demanda dun Centro de Día para o noso Concello, un concello onde preto de 3.000 veciños superan os 65 anos”. En canto ás infraestruturas salientou que “o goberno do PP volve a esquecerse da execución das obras de mellora e ampliación da estrada Ordes-Cerceda, unha obra que acumula un elevado retraso”. Por outra banda, o nacionalista destacou a “importancia que tería para Ordes que se contemplase a ampliación da Ronda Leste, para dotala dunha saída alternativa á do Polígono Industrial e evitar o caos circulatorio e a inseguridade vial que se xenerará nese punto”.

Concentracións parcelarias
Finalmente Gonzalo Castro salientou o esquecemento dun sector agrogandeiro, “un sector produtivo estratéxico para o noso Concello”, neste sentido lembrou que “a Xunta non dotou as partidas necesarias para impulsar o remate das concentracións parcelarias que se atopan abertas en Ordes”.

Pola súa banda, a deputada Ana Pontón denunciou que estes son uns orzamentos sen estratexia para saír da crise e que non atenden ao principal problema dos galegos e galegas que é o paro senón máis ben todo o contrario, xa que prevén un incremento do número de persoas desempregadas en Galicia no 2011. Isto segundo Pontón, “é a evidencia máis palpable do fracaso de Núñez Feijoo para facerlle fronte á crise económica” ao que engadiu: “Lembrámoslle que el se presentou ás eleccións co compromiso de rematar coa crise en 45 días e desde que chegou o único que temos é o agravamento da crise e o empeoramento do emprego dos galegos e galegas”.

Destacou tamén a deputada que estamos a asistir a un recorte moi grave das políticas sociais algo que queda claro neste orzamentos xa que contempla 476 millóns menos de euros neste eido que terán como resultado o deterioro de servizos públicos clave como o ensino e a sanidade.

*