viernes, 22 de octubre de 2010

O PP de Ordes solicitara á Xunta unha inspección xeral na gardería municipal

Cando o Concello privatizou a gardería, o PP reclamou que se mantivese un control estricto sobre o centro para garantir a calidade da atención aos nenos

Os populares lanzan unha mensaxe de ánimo ao persoal e apuntan que, de terse producido algunha hipotética incidencia, a responsabilidade política recae sobre o Concello

O Partido Popular de Ordes solicitara, a través dun escrito na oficina comarcal da Xunta de Galicia, a realización dunha inspección urxente na escola infantil municipal de Ordes logo da alarma social suscitada tras coñecerse as denuncias públicas de algúns pais que alertan dun deterioro do servizo ofertado aos meniños.

Inspección da Xunta de Galicia 
Dada a transcendencia deste asunto, e ante a sospeita de que se poda ter producido algunha presunta neglixencia, o Partido Popular solicita a inmediata intervención da inspección da Xunta de Galicia para analizar todos os parámetros que debe cumprir unha escola infantil, revisando especialmente a calidade nutricional dos menús ofertados aos menores escolarizados, a idoneidade nutricional para cada tramo de idade e cadro de persoal asignado habitualmente a este centro.

Recordan que cando o actual Goberno privatizou a gardería municipal, o Partido Popular advertiu da necesidade de que por parte do Concello se mantivese un control estricto sobre o funcionamento do centro para evitar calquera incidencia ou deterioro da calidade na atención que este centro debe prestar aos cativos escolarizados nel.

Ante a situación creada no pobo, os populares lanzan unha mensaxe de ánimo ao persoal da gardería e apuntan que, de terse producido algunha hipotética incidencia, a responsabilidade política recae sobre o Concello como titular do servizo.