Presentarán diversas mocións nos concellos de Santa Comba e Ordes
O BNG da comarca compostelá deu comezo a unha campaña para defender a necesidade de que a Xunta rectifique e non suprima o servizo do Noitebús. Dela falaron esta mañá en rolda de prensa a deputada do BNG, Ana Pontón; o responsable comarcal de Galiza Nova, Roberto Pardal Coca; o responsable local de Santa Comba, Felipe Calvo; e o portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, por ser as localidades máis prexudicadas coa supresión. As iniciativas desta campaña serán, entre outras, a presentación de mocións nos Concellos, actos diversos cos mozos e mozas, recollidas de sinaturas e diversas preguntas no Parlamento de Galiza.
Vinte liñas de Noitebús en Ordes
Dentro da comarca de Compostela, informan dende o BNG Compostela, Ordes e Santa Comba son as dúas localidades máis prexudicadas, con 28 liñas de Noitebús, 20 Ordes e oito Santa Comba. De feito, Santa Comba é a localidade do país que concentra maior oferta e demanda deste servizo. Precisamente esta mesma mañá, as deputadas do BNG Ana Pontón e Teresa Táboas presentaron dúas preguntas para a súa resposta na comisión: unha relativa ao impacto da supresión do Noitebús no Concello de Ordes e outra a respecto do impacto en Santa Comba.
Nelas pídense os datos concretos de usuarios deste servizo e pregúntaselle á Xunta se é consciente de que a supresión do Noitebús supón reducir estratexias para diminuír os accidentes entre a xente moza. Así, preguntaselle tamén se reducir os accidentes entre a mocidade lles parece unha cuestión complementaria e prescindíble así como se, revisado isto, ten previsto a Xunta rectificar na súa decisión.
Gonzalo Castro denunciou a política de “destrucción masiva” que está a por en marcha o Partido Popular desde a Xunta e dentro da que se enmarca a supresión do Noitebús.
Foto: Roberto Pardal, Ana Pontón, Felipe Calvo e Gonzalo Castro, esta mañá en rolda de prensa.
*