Afirman que o goberno municipal debería deixar de negar o evidente e adicarse a traballar para resolver problemas na parcelaria de Beán-Pereira como o arranxo das pistas da rede principal de camiños
O portavoz nacionalista de Ordes amosou hoxe sábado a súa sorpresa porque o goberno municipal negue que durante a xestión do BNG na Consellería do Medio Rural se dou a toma de posesión provisional de cinco parcelarias.
Gonzalo Castro amosou a súa “sorpresa porque o goberno municipal negue os grandes avances que se produciron nas parcelarias ordenses nos últimos anos, grazas ao gran esforzo inversor realizado na pasada lexislatura pola Consellería do Medio Rural, que estaba dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal, e que investiu máis de seis millóns de euros nas parcelarias de Ordes, convertindo a Ordes no concello con máis investimento nesta materia de toda Galiza”.
O portavoz afirmou que “esta actitude do goberno municipal tampouco é nova, xa que na pasada lexislatura cada vez que a Consellería do Medio Rural anunciaba o remate dalgunha concentración parcelaria, adicábase a obstruir o traballo da Consellería e a negar que fose certo o anunciado pola mesma”.
Os veciños, testemuñas directas dos avances
Gonzalo Castro salientou que “afortunadamente os veciños e veciñas de Ordes teñen sido testemuñas directas destes avances, como ben saben os veciños de Ardemil, Leira, Montaos, Buscás, Barbeiros e Vilamaior, parcelarias que foron rematadas durante a xestión do BNG na Xunta”.
Con respecto á parcelaria de Beán-Pereira, Castro afirmou que “resulta preocupante que o goberno municipal descoñeza que no prazo aproximado de dúas semanas producirase a publicación, no Diario Oficial de Galiza (DOGA), do acordo da concentración parcelaria de Beán-Pereira, e o que resulta lamentábel é que non fixera un seguimento da tramitación desta parcelaria para saber que, con total probabilidade, o número de recursos que se presenten contra o acordo non superará o 6% dos titulares nin o 10% por cento da superficie concentrada, o que poderá permitir a toma de posesión provisional das fincas de reemprazo”.
O portavoz nacionalista afirmou que “o goberno municipal debería deixar de negar o evidente e adicarse a traballar para resolver problemas que son da súa competencia na parcelaria de Beán-Pereira, como o arranxo das pistas da rede principal de camiños, que xa son de titularidade municipal desde hai dous anos e que se atopan nun deficiente estado de conservación”.
*