miércoles, 6 de octubre de 2010

Regos cre na formación e no fomento do emprego

"Nun momento de crise e desemprego como o que se está vivindo, a formación dos nosos desempregados é a mellor das iniciativas para facilitar a súa incorporación ao mundo laboral"


O goberno local de Ordes segue a mostrar a súa aposta pola formación para o fomento do emprego no municipio. Mostra delo que o municipio acolla neste momento a celebración de diferentes cursos formativos dirixidos aos desempregados.


Concretamente Ordes está sendo a sede neste momento da celebración dun curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, un curso de atención especializada para enfermos de alzheimer e un curso de socorrista acuático enmarcados dentro da programación de accións formativas dirixidas prioritariamente para persoas traballadoras desempregadas da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta, e un curso sobre enerxía térmica enmarcado dentro do Proxecto Rede Xiana da Deputación.

Segundo informa o Concello, son máis de 60 as persoas desempregadas que se benefician destes cursos, sendo 15 os participantes no de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, curso que lles proporcionará ademais o certificado de profesionalidade, outras 15 persoas participantes no curso de atención especializada para enfermos de alzheimer, 15 máis no curso de socorrista acuático, e 18 desempregados no curso sobre enerxía térmica.

Clausura do Obradoiro de Emprego Ramón Ruibal II
Ademais recentemente clausurábase tamén o obradoiro de emprego Ramón Ruibal II que tivo unha duración dun ano, e no que se formaron 26 alumnos e alumnas nas especialidades de xardinería, carpintería e albanelería. Un obradoiro de emprego que serviu ademais para poñer en valor diferentes instalacións do municipio, que estaban nun importante estado de deterioro dando agora paso a lugares de lecer e esparcimento para os veciños e veciñas das parroquias.

Este foi o caso das antigas escolas unitarias de Leira e Poulo e a antiga Rectoral de Beán que se convertiron xa nos novos locais sociais de ditas parroquias para o disfrute dos veciños e veciñas.
Durante o acto de clausura de dito obradoiro de emprego o alcalde Manuel Regos, aproveitou a ocasión para solicitar aos representantes da Xunta unha escola obradoiro para o municipio, tendo en conta que Ordes tería un gran potencial de participantes ao contar con máis de 1.200 mozos e mozas de entre 17 e 25 anos e destacando a importancia que tería para afastar das rúas ou de malos hábitos aos rapaces, ademais da gran importancia que ten a formación para conseguir un emprego.

Foto: Unha das clases de formación para desempregados do Concello de Ordes.

*