viernes, 15 de octubre de 2010

Presentan unha iniciativa para instar á Xunta de Galicia a frear o deterioro da sanidade pública

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes.
O BNG ordense reclama que se cubran o 100% das baixas de sanitarios e rexeitan a privatización da Sanidade

Os nacionalistas de Ordes anunciaron hoxe a presentación dunha moción para o seu debate e aprobación polo pleno da corporación municipal na que se denuncia a situación de "deterioro e a privatización da sanidade pública en Galiza”, segundo manifestou o seu portavoz municipal, Gonzalo Castro.

Segundo este, “o empeoramento da sanidade pública desde a chegada do PP ao goberno galego é evidente, como o demostra o incremento das listas de espera, tamén en Atención Primaria, o aumento do número de intervencións e probas diagnósticas derivadas aos centros privados concertados, a supresión da actividade de tarde nos hospitais do Sergas ou a ameaza de privatización e financiamento público-privada das novas infraestruturas sanitarias".

O portavoz nacionalista salientou que "os cidadáns necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democrático dos tempos actuais, e non se poden nin se deben admitir os intolerábeis niveis de saturación e de falta de medios e de recursos sanitarios que se están producindo".

A moción do BNG esixe da Xunta, entre outras cousas, a adecuación dos orzamentos sanitarios para cubrir o 100% das ausencias de persoal sanitario, dotar dos recursos necesarios aos centros de saúde do concello para evitar listas de espera, reducir os concertos ao máximo e financiar cada infraestrutura sanitaria a través de diñeiro público.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Desde o BNG agardamos que a iniciativa conte co respaldo unánime da corporación Municipal, porque a defensa dunha sanidade pública de calidade é unha cuestión que afecta directamente ao benestar dos veciños e veciñas do noso Concello”

*