martes, 5 de octubre de 2010

A Mancomunidade solicita unha subvención para seguir co seu programa de axentes de emprego

Prado Patiño: "Estes técnicos contribúen á dinamización e a xeración de novas actividades nos nosos municipios”

O pleno ordinario da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, celebrado esta tarde no concello de Ordes, aprobou por unanimidade solicitar unha subvención á Consellería de Traballo e Benestar para o mantemento do programa de axentes de emprego e desenvolvemento local. Unha axuda solicitada ao abeiro da Orde do 7 de setembro de 2010 da Consellería de Traballo e Benestar, publicada no DOG 178 do mércores 15 de setembro.

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño, destaca a importancia do mantemento deste servizo para a comarca ordense xa que “estes técnicos colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de empresas e actúan como promotores de actividade, asesores puntuais de proxectos de empresa e mesmo como prospectores de mercado, de xeito que contribúen á dinamización e a xeración de novas actividades nos nosos municipios”. Ademais, apuntou a especial importancia de manter un servizo coma esta nunha época de crise económica coma a que estamos a vivir.

A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, que tivo lugar na casa do concello de Ordes, asistiron os alcaldes de Cerceda, José García Liñares; Frades, Miguel Prado Patiño; Mesía, Mariano Iglesias Castro; Oroso, Manuel Mirás Franqueira; e Tordoia, Antonio Pereiro Liñares; así como o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Manuel Astray Mariño. A única ausencia, por motivos de axenda, foi a do alcalde de Trazo.

Foto: O pleno da Mancomunidade de Municipios de Ordes convocado para a sesión ordinaria de hoxe.

*