martes, 19 de octubre de 2010

Unha representación do Concello acudiu onte a Madrid como invitada á entrega dos premios Ciudad Sostenible

Son outorgados pola Fundación Fórum Ambiental e foron entregados pola Princesa de Asturias

O concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade do Concello de Ordes, Xesús Pedreira, e a concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín, acudiron onte, en representación do Concello de Ordes, a Madrid á entrega da oitava edición dos premios Ciudad Sostenible que outorga a Fundación Fórum Ambiental.



Unha gala á que o Concello de Ordes foi invitado en recoñecemento ao seu traballo en favor do medio ambiente e o desenvolvemento sostible, invitación pola que o edil de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, mostrou a súa gratitude e a súa satisfacción, ao ser moi poucos os invitados ao evento.

O acto estivo presidido pola Princesa de Asturias que foi a encargada de entregar os premios. Entre as institucións premiadas nas diferentes categorías estiveron o Concello de Palencia, o de Santa Pola (Alicante), La Aldea de San Nicolás (Las Palmas), Rivas Vaciamadrid (Madrid) e a Deputación de Jaén.

Dende o goberno local do Concello de Ordes mostraron a súa satisfacción por ter sido invitados a un evento de tal importancia, recoñecendo así o traballo que se está a realizar dende o Concello en materia medioambiental.

Máis información na páxina web da Casa Real a través deste enlace.

*