viernes, 8 de octubre de 2010

Castro insiste na modernización da praza de abastos

Acusa ao alcalde de "enganar aos comerciantes" e de "pretender a desaparición" do recinto

Gonzalo Castro: "Moitos veciños e veciñas teñen amosado o seu interese en instalar un posto mais o alcalde non ten atendido estas solicitudes”

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, acusou hoxe ao alcalde Manuel Regos, de “pretender a desaparición definitiva da Praza de Abastos” e criticouno por “enganar aos comerciantes durante os últimos tres anos, prometéndolles apoio para a modernización e dinamización da praza de abastos, cando as súas intencións son ben distintas”. Castro criticou ao alcalde por “seguir mantendo as instalacións nunha situación de deterioro permanente e cunha falta de aproveitamento comercial que non ten xustificación”.

O portavoz municipal do BNG manifestou que “o BNG ten proposto que se incluise a modernización da praza de abastos nas actuacións a financiar con cargo ao Plan E, mais o alcalde en lugar disto preferiu despilfarrar o diñeiro en obras de dubidosa necesidade como a ampliación da Alameda e da Casa do Concello”.

"Desmantelamento e derrubo"
“O único proxecto que ten o alcalde para a praza de abastos" asegurou o nacionalista, "é o seu desmantelamento e derrubo, non sabemos con que oscuros intereses”. Idénticas palabras ás que xa usara o tamén concelleiro nacionalista Ramiro Recouso en febreiro de 2010 para referirse á mesma circunstancia.

Podes ver o aspecto que lucía a praza de abastos de Ordes en novembro de 2009:



Impulso ao sector primario
O portavoz nacionalista manifestou que “mentres Ordes sigue encabezando as cifras de aumento do desemprego na nosa comarca, o alcalde en lugar de modernizar e promocionar a praza de abastos, ofrecendo condicións favorábeis para permitir a instalación de postos de venta aos productores do noso Concello e dar un impulso ao sector primario, só busca o seu desmantelamento definitivo”.

Finalmente, Castro salientou que “moitos veciños e veciñas teñen amosado o seu interese en instalar un posto na praza, mais o alcalde non ten atendido estas solicitudes”.

O Concello de Ordes xa anunciara en agosto de 2009 unha subvención de 97.000 euros da Xunta de Galicia que se lle sumaría aos 41.000 euros que investirá o Concello no proxecto de mellora da praza. Segundo declarara por aquel entonces o concelleiro de Obras, Roberto González, se farán obras de eliminación de barreiras arquitectónicas, mellora na seguridade e instalación dunha placa entre a primeira e a segunda planta. 
 
*