viernes, 22 de octubre de 2010

Castro, satisfeito co anuncio da publicación da parcelaria Beán-Pereira

Castro atribue este avance aos seis millóns de euros investidos por Suárez Canal no tempo do Bipartito 

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que nun prazo aproximado de dúas semanas producirase a publicación, no Diario Oficial de Galicia , do acordo da concentración parcelaria de Beán-Pereira, o que dará lugar, se o número de recursos presentados contra o mesmo non supera o seis por cento dos titulares de explotacións nin os reclamantes representan máis do dez por cento por cento da superficie concentrada, á aprobación da toma de posesión provisional das fincas de reemprazo por parte dos seus titulares.


Castro amosou a súa satisfacción por este acordo e manifestou que “o impulso á tramitación da concentración parcelaria de Beán-Pereira foi posíbel grazas ao gran esforzo inversor realizado na pasada lexislatura pola Consellería do Medio Rural, que estaba dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal”.

Seis millóns de euros nas parcelarias ordenses
O portavoz nacionalista lembrou que “na pasada lexislatura a Consellería do Medio Rural investiu máis de seis millóns de euros nas parcelarias de Ordes, convertindo a Ordes no concello con máis investimento nesta materia de toda a Galiza, o que posibilitou a entrega nos últimos anos das concentracións parcelarias de Ardemil, Leira, Montaos, Buscás e Barbeiros-Vilamaior, ás que haberá que engadirlle, nos próximos meses, a de Beán-Pereira”.

Castro valorou “a incidencia positiva que ten a finalización da concentración parcelaria de Beán-Pereira no desenvolvemento socioeconómico do noso concello, non só no referente as posibilidades de dimensionamento das explotacións agrarias, senon tamén respecto das dotacións de infraestructuras como a creación e mellora da rede viaria, así como no facilitamento do acceso a servizos básicos nos núcleos rurais”.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Os investimentos aprobados pola Consellería do Medio Rural na pasada lexislatura prevían a finalización e entrega, antes de xuño de 2011, de todas as concentracións parcelarias abertas en Ordes, prazos que agardamos que sexan respectados polo actual goberno da Xunta, o que permitiría a finalización e entrega durante os próximos meses das parcelarias de Parada e de Lesta-Mercurín”.

*