Os asistentes poderán participar na esfolla do maínzo a partir das 11 da mañá, e disfrutar de música, actuacións especiais e degustación gratuíta de callos e churrasco durante o xantar
A parroquia de Ardemil será a encargada de poñer este sábado o tinte festivo ao municipio. Así, a xornada acollerá a celebración da I Festa da Esfolla, organizada por un grupo de veciños.
A partir da mañá darase o pistoletazo de saída ás actividades programadas con motivo desta festa. Unhas actividades que terán lugar nunha nave ubicada no lugar da Cruz, (enfrente ao Bar Porto, aproximadamente a 2 km. da N-550), onde a partir das 11 horas terá lugar a esfolla do maínzo, actividade tan tradicional e habitual no agro galego, e na que, tal e como explicaron dende a organización, poderá participar todo aquel que visite a festa e estea interesado.
Pero non só haberá traballo nesta festa, e a partir das 14:00 horas a música será a protagonista coa celebración da sesión vermú que correrá a cargo da orquestra Estrella Mar, agrupación que será tamén a que porá a nota musical na verbena nocturna. Como boa festa que se precie tampouco faltará a boa gastronomía, e á hora do xantar haberá callos e churrasco gratuítos para todo aquel que queira.
Dende a organización, animan tanto a veciños como a visitantes do municipio a que se acheguen este sábado a Ardemil para disfrutar dunha xornada adicada á tradición, podendo disfrutar ademais da boa música e a gastronomía.
*