Critican ao PP por suprimir este servizo que permitía o desprazamento nocturno da mocidade con seguridade
Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, anunciou onte a presentación dunha moción que será debatida no próximo pleno da corporación municipal, na que os nacionalistas propoñen que se inste á Xunta de Galicia a manter o funcionamento do servizo de transporte público nocturno a lugares de lecer (Noitebus), sen aplicar ningunha redución das rutas existentes e mellorando a súa dotación e funcionamento.Segundo Castro, “o PP, a través da Xunta de Galiza, ven de anunciar que se vai suprimir o servizo coñecido como Noitebus, unha iniciativa, posta en marcha na pasada lexislatura, que forma parte das actuacións destinadas a mellorar a seguranza viaria e reducir a sinistralidade, cubrindo as necesidades de desprazamento nocturno da mocidade”.
O portavoz do BNG salientou que “a demanda que rexistrou desde a súa posta en funcionamento da boa mostra de que é un servizo necesario do que non se pode prescindir” e cualificou de “lamentábel, á par que unha irresponsabilidade, escoitar do presidente do Goberno galego que este é un servizo que resulta innecesario nun momento de dificultades económicas, cando persoas expertas nesta materia fixeron público o seu desacordo nestes mesmos días”
Gonzalo Castro fixo fincaré en que “a propia Dirección Xeral de Tráfico afirmou que este servizo ten demostrado a súa eficacia, ademais de ter contribuído a eliminar vítimas e a concienciar sobre a condución segura”. Tamén, segundo o portavoz nacionalista, a plataforma Stop Accidentes uniuse a estas manifestacións para cualificar a pretensión do goberno do PP de “desastre”, para engadir que “sempre é máis barato previr que lamentar”.
O portavoz nacionalista ordense cualificou de “auténtico desatino a intención do PP e o anuncio feito polo presidente da Xunta, xa que os fondos destinados a previr os accidentes e dar servizos á xente nova non poden considerarse un dispendio”.
Un servizo de máis de catro millóns e medio de euros
Gonzalo Castro, salientou que “o custe do servizo é perfectamente asumíbel pola Xunta de Galiza. No ano 2010 a Xunta dedicou ao Noitebus pouco máis de 4,5 millóns de euros, unha cifra que representa o 0,5% do orzamento da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Un investimento moi inferior ao gasto que o goberno do PP está a facer en propaganda e publicidade desde a Xunta de Galiza.”
O portavoz municipal do BNG agarda que a iniciativa nacionalista sexa secundada por todo o pleno da corporación municipal, xa que, segundo manifestou, “o normal é que os recortes se realicen no ámbito da propaganda e non en servizos que cumpren unha función social evidente. A Xunta de Galiza debe rectificar esta decisión e manter o funcionamento dun servizo que ten demostrado a súa necesidade e utilidade”.
*