miércoles, 27 de octubre de 2010

O pleno da por zanxada a polémica da escola infantil ao non existir nin unha soa queixa formal

Silvia Marín remite a situación a rencillas persoais do cociñeiro coa empresa

O Concello solicitará á Xunt que non suspenda o servizo do Noitebús

O pleno do Concello de Ordes reuniuse na mañá de onte para celebrar a sesión ordinaria do mes de outubro. Un debate no que, entre outras cuestións, tratouse e deuse por zanxado o tema do servizo de comedor na escola infantil municipal.

A concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín, ante unha moción do BNG e preguntas do PP quixo aclarar diferentes cuestións ante as acusacións aparecidas estes días nos medios de comunicación relativas a un mal servizo no comedor do centro, e que asegurou só responden a que se queira sacar algún tipo de rendemento político ao respecto, “en política non debe valer todo e este tema está por riba de todo isto dada a importancia que ten”.

Pola súa banda, o portavoz nacionalista Gonzalo Castro criticou “que o alcalde e o PP apoiasen a privatización dun servizo público esencial, como é a escola infantil, co argumento de que as arcas municipais non podían asumir o seu custo de 90.000 euros anuais, mentres se está destragando millóns de euros de diñeiro público en obras faraónicas e non prioritarias”.

Así, a edila ordense quixo deixar claras unha serie de cuestións e insistiu en que se trata de rencillas persoais do cociñeiro coa empresa ao negarse este a facer unha serie de funcións que tiña que levar a cabo por convenio, cuestión polo que a empresa prescindiu do seu servizo.

O rexistro do Concello non recibiu nin unha soa queixa
Marín quixo ademais deixar claro que no Concello non existe ningunha queixa do actual servizo de comedor, e incluso leu un escrito da representante dos pais e nais da Escola Infantil no que esta asegura non ter recibido tampouco ningunha queixa, queixas das que tampouco hai coñecemento por parte da empresa concesionaria do servizo.

Por outra banda insistiu en que os menús que se proporcionan no comedor do centro seguen a estar avalados polos “menús saudables” da Xunta de Galicia e supervisados ademais por unha nutricionista.

Aclarou ademais a concelleira que foi a propia empresa concesionaria do servizo a que, ó día seguinte de aparecer esta problemática nos medios de comunicación, solicitou voluntariamente a realización dunha auditoría da escola á Consellería de Sanidade co fin de aclarar e dar tranquilidade ás familias ao respecto deste tema. Unha tranquilidade que ademais xa lle foi transmitida onte ás familias nunha reunión convocada pola concelleira, á que acudiron 58 familias, e na que tampouco se recibiu ningunha queixa en relación a este servizo.

Finalmente Silvia Marín insistiu en que aínda que hai unha concesión a unha empresa, a titularidade da escola segue sendo municipal, e “a nosa función é velar polo bo funcionamento da mesma e polos intereses dos nenos e nenas e as súas familias, función que estamos e seguiremos a desempeñar”.

POS 2011
Por outra banda o pleno ordense tamén aprobou as obras a incluir no POS 2011 que consistirán no saneamento e abastecemento da rúa da Canteira, a 1ª fase de saneamento e abastecemento da Rúa Laranxal e Rúa do Piñeiro e a 1ª fase das beirarrúas no Casal.

Ante este punto o BNG presentou unha enmenda solicitando que se substituísen esas obras polas de ampliación da Rolda Leste ata Cano de Leira. Unha cuestión que non foi aprobada polo grupo de goberno, e que motivou as criticas dos nacionalistas que consideraban esta obra fundamental “para evitar o caos circulatorio e a inseguridade vial que se xenerará no Polígono”, segundo manifestou o concelleiro do BNG Ramiro Recouso.

O pleno do Concello de Ordes tamén aprobou esta mañá a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras correspondentes ao Imposto de Bens Inmobles, o Imposto de Actividades Económicas, o Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, o Imposto de Construccións, Instalacións e Obras, a taxa pola recollida de lixo e a taxa por suministro de auga e sumidoiros, que se incrementarán en relación á suba do IPC.

Ante as críticas da oposición, o alcalde, Manuel Regos, insistiu en que o incremento é baixo e se trata dunha cuestión necesaria, estando todavía Ordes por debaixo da media a nivel nacional nesta cuestión.

Decreto do Carbón
Por outra banda, aprobouse por unanimidade unha moción proposta polo grupo de goberno en relación ao decreto do carbón, tal e como se comprometera o alcalde Manuel Regos, o pasado mércores cos representantes do comité de empresa de Meirama que visitaron o Concello.

Gonzalo Castro salientou que “desde o BNG lamentamos o dobre discurso que empregan o PP e o PSOE, que din defender unha cousa en Galiza, mentres votan en contra dunha iniciativa presentada polo BNG no Congreso dos Deputados en defensa dos postos de traballo das centrais galegas”.

O concelleiro de Comercio e Industria do Concello de Ordes, José Manuel Tobío, que foi o encargado de expoñer esta moción ao resto da Corporación, mostrou a súa satisfacción porque finalmente se aprobase por unanimidade, destacando a importancia de ir todos xuntos nesta cuestión. A través desta moción o pleno do Concello de Ordes propón o mantemento do emprego directo nas instalacións termoeléctricas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nos ciclos combinados radicados en Galicia; o mantemento da industria auxiliar dependente de ditas instalacións; o mantemento do nivel de actividade e competitividade necesario das instalacións co fin de darlle robustez e fiabilidade ao sistema eléctrico español; que se teñan en conta as peculiaridades da Comunidade Autónoma galega e as repercusións socioeconómicas negativas que a entrada en vigor do Real Decreto 134/2010 terían para As Pontes, Cerceda e as súas comarcas; e que se compense ás respectivas empresas por dispoñibilidade garantindo un mínimo de horas anuais co fin de manter o emprego e a actividade económica.

Tamén que se inste ao Ministerio de Industria para que reciba aos representantes dos Comités de Empresa das Centrais Térmicas de Meirama e de As Pontes; instar ao goberno galego a que solicite ao goberno do Estado a modificación dos contidos básicos do Decreto do Carbón, aos efectos de adaptalo ao desenvolvemento dunha estratexia enerxética, económica e medioambiental sostible e ás especificidades das distintas comarcas mineiras, tendo en conta a singularidade das comarcas galegas; e por último, dar traslado deste acordo ao Ministro de Industria e ao presidente da Xunta de Galicia.

Por último, o pleno ordense aprobou tamén dúas mocións presentadas polo BNG, unha na que se solicita á Xunta que non se suprima o servizo de Noitebús, e outra relativa á defensa da sanidade pública.
Castro manifestou que “o servizo de Noitebús resultante sumamente importante, ao facilitar o desprazamento dos xóvenes durante á fin de semana aos lugares de ocio, como é o caso do concello de Ordes, evitando siniestros e víctimas mortais en accidentes de tráfico”.  

*