O alcalde de Ordes, Manuel Regos, e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, inauguraron esta tarde o campo de fútbol de herba artificial de Vista Alegre. Regos agradeceu especialmente a colaboración amosada pola Deputación da Coruña e, en concreto, por Fernández Moreda na construción deste novo campo de fútbol de herba artificial. “A Deputación contribuiu especialmente na posta en marcha deste campo de Vista Alegre, ben a través do programa de dotación de herba artificial, ben na instalación da iluminación do campo”, explicou o alcalde ordense. Unhas obras que, xunto coa primeira fase da construción dun local social, están orzamentadas en máis de dous millóns de euros, dos que a Deputación Provincial achegou 445.000 euros e o Concello de Ordes aporta a cantidade restante, 1.626.000 euros.
Cidade deportiva
A inauguración do campo de fútbol de Vista Alegre é o primeiro paso levado a cabo polo Concello para a promoción do deporte en todas as súas modalidades e niveis. Por iso, o Concello está a promover a creación dunha cidade deportiva en Vista Alegre, que contará con pistas polideportivas para a práctica de diversos deportes e unhas pistas de atletismo, especialidade que ten moitos seguidores no municipio.
O novo campo de herba artificial de Vista Alegre inaugurado hoxe ten unhas dimensións de 105 metros de longo por 65 metros de ancho, unhas medidas que permiten tamén dispoñer de dous campos para Fútbol-7. A instalación conta con todo o equipamento preciso para a práctica de Fútbol-11 e Fútbol-7, así como cun graderío lateral e iluminación para a súa utilización o maior número de horas posibles.
.
Local social e novos vestiarios
Para a súa construción, o Concello tivo que comprar tres parcelas de 6.000 m2 para permitir que o campo puidese ter unhas medidas moito maiores ao proxectado polo anterior Executivo (que eran de 90 metros de longo por 55 metros de ancho). Agora, o Concello traballa na construción dun local social e duns novos vestiarios neste novo campo de herba artificial, xa que ata entón se utilizarán os do campo de Vista Alegre.
.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Estamos traballando na promoción dos nosos xóvenes valores a través das escolas deportivas municipais porque sabemos que o futuro pasa pola formación dos nosos rapaces"
.
"Este ano contamos con poder asinar novamente un convenio para realizar a segunda fase"
.
"A creación dunha cidade deportiva en Vista Alegre, que conte con pistas polideportivas para a práctica de diversos deportes e unhas pistas de atletismo necesita dun gran investimento, polo que resultará imprescindible a colaboración de todas as administracións públicas"
*