sábado, 8 de octubre de 2011

Regos: "Os traballadores do Concello teñen as nóminas garantizadas e os proveedores cobrarán o ano que ven"

Uxo e PSOE aproban as contas de Ordes do ano 2010

O alcalde Manuel Regos cobrará catorce pagas mensuais de 2.360 euros  

O pleno da corporación municipal do Concello de Ordes reuniuse onte á mañá en sesión extraordinaria na que se aprobou a conta xeral de 2010 cos votos a favor do grupo de goberno e o edil do PSOE, os votos en contra dos dous edís do BNG e a concelleira de CideGa, e a abstención dos edís do Partido PopularO BNG opuxose a ela porque, segundo manifestou o seu portavoz, Gonzalo Castro, “o BNG non comparte unha xestión que a  propia intervención municipal  evidencia como caótica e irresponsábel por parte do alcalde e o seu goberno, aludindo ao total incumprimento do Plan de Saneamento aprobado polo pleno en xullo de 2009.” 

Castro salientou ademais que "o informe da Intervención tamén advirte do incremento da débeda do Concello durante o ano 2010 en máis de dous millóns de euros, o que supón una débeda acumulada por habitante de 662 euros, situando a Ordes como un  dos concellos galegos máis endebedados.”. 

Neste punto, o alcalde, Manuel Regos, lamentou as declaracións dos portavoces falando de cantidades que non se corresponden coa realidade. O primeiro edil insistiu en que a situación económica que está a vivir o Concello de Ordes non difire da do resto de concellos de todo o país, administracións que están a pasar unha situación moi complicada derivada da crise.

Ademais explicou que a débeda bancaria do Concello de Ordes sitúase “no 62% cando está permitido facelo ata o 110%”. Explicou tamén que moitas das facturas que están reflexadas na conta xeral de 2010, pechada en decembro dese ano, xa están pagadas, e insistiu en que “no Concello de Ordes non hai facturas no caixón, están todas rexistradas”. Ademais quixo aclarar que “os traballadores do Concello teñen as nóminas garantizadas e os proveedores cobrarán o ano que ven gran parte da débeda que temos con eles”.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade o texto definitivo do convenio urbanístico con Xestur Coruña para a permuta de terreos para o parque empresarial de Merelle.

Soldo do alcalde
Tamén se aprobaron outros dous puntos da orde do día sobre a dotación económica dos grupos políticos e a dedicación exclusiva do alcalde, puntos que xa non se debatiron ao ser tratados na comisión correspondente e que contaron cos votos a favor do grupo de goberno, BNG, PSOE e CideGa e a abstención dos edís do PP. Así, o alcalde Manuel Regos, rebaixa o seu soldo nun vinte por cento ata alcanzar os 41.313,30 euros brutos anuais. De aí haberá que descontar impostos e Seguridade Social, o que se traduciría nuns 2.362 euros mensuais líquidos netos en catorce pagas.

Ordenanzas municipais
Outro punto tratado no pleno desta mañá foi a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras dos tributos municipais, que se incrementarán tan só o incremento do IPC, e a aprobación da ordenanza xeral de prezos públicos, punto que foi aprobado cos votos a favor de todos os grupos excepto os dous edís do BNG que se abstiveron. Neste punto aprobouse por unanimidade unha enmenda presentada polo PP na que se solicitaba, en relación á taxa de recollida de lixo, que os baixos non utilizados teñan a mesma tarifa que as vivendas.

IBI
Por outra banda, rexeitáronse dúas enmendas do BNG, unha na que se solicitaba, en relación ao imposto do IBI, que se bonificase nun 50% ás vivendas que non conten con servizos de saneamento e abastecemento.
A outra enmenda dos nacionalistas que foi rexeitada propoñía a exención do pago de prezos públicos municipais ás persoas físicas que acrediten estar en situación legal de desemprego ou sexan persoas perceptoras de pensións da Seguridade Social na contía mínima legalmente establecida. Castro defendeu esta proposta aludindo a que “é de xustiza establecer unha reducción do IBI para as persoas que viven en zonas sen servizos público de abastecemento e saneamento de auga, e que se viron por tanto obrigadas a realizar investimentos para dotarse dos mesmos”. Ante esta última enmenda, o alcalde, Manuel Regos, explicou que previo informe dos servizos sociais esta cuestión xa se estaba a realizar e seguiríase facendo.

Pola súa parte, o concelleiro socialista Xesús Pedreira, propuxo a ampliación do número de persoas con discapacidade que ten dereito a un desconto nas taxas municipais. “Na actualidade poden beneficiarse destas axudas aquelas persoas cunha discapacidade superior ao 65% e nós propoñemos o baremo do 33%, xa que é o utilizado por todas as Administracións á hora de avaliar a este colectivo”. Esta proposta quedou sobre a mesa de debate para o seu estudio posterior pola Intervención Municipal do Concello de Ordes, que será o organismo encargado de estudiar a súa viabilidade.


Ordenanza de tráfico
Por último deixouse sobre a mesa, co fin de tratalo na comisión pertinente e nun próximo pleno, a aprobación da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial para ter en conta unha serie de enmendas presentadas e que sexan recollidas no texto. Sobre este asunto, o concelleiro socialista, Xesús Pedreira, xa adiantou que solicitará a prohibición de estacionar vehículos nos carrís bici ou para que se establezan unhas reglas a seguir para o estacionamento de caravanas

*