miércoles, 26 de octubre de 2011

O BNG comarcal esixe á Xunta que pague xa as axudas pendentes aos agrogandeiros

Segundo denuncian, levan máis de medio ano de espera 

Os portavoces e outros responsables do BNG nos concellos da comarca de Ordes anunciaron onte a súa intención de presentar diversas mocións e escritos de solicitude de plenos extraordinarios nas corporacións municipais en todos os concellos da comarca con fin de esixir á Xunta de Galicia a solución dos problemas derivados da falta de medios da Oficina Agraria Comarcal. Particularmente, os nacionalistas reclaman a realización inmediata das xestións necesarias para o pago das axudas aos Plans de Mellora e ás novas incorporacións nas explotacións agrogandeiras, que, segundo denuncian, se atopan pendentes de pago desde hai máis de medio ano.

Estas iniciativas foron presentadas por Rocío da Igrexa, Xosé María Pérez, Gonzalo Castro, Xosé Manuel Raposo e Xosé Manuel Pérez, portavoces municipais do BNG en Cerceda, Frades, Ordes, Mesía e Oroso, respectivamente. Tamén por Natalia Cancela e Xabier Villar, respectivos responsables locais do BNG en Tordoia e Trazo.

Os representantes do BNG nestes concellos salientaron que desde hai máis dun ano na comarca de Ordes estanse a producir retrasos desproporcionados na tramitación e pago das subvencións aos Plans de Mellora e nas axudas ás novas incorporacións que están a agravar a situación das explotacións agrogandeiras mermando a viabilidade e o futuro dun sector económico estratéxico para a comarca de Ordes.

Na actualidade, segundo os datos aportados polo BNG, existen aproximadamente unhas corenta explotacións na comarca de Ordes que levan agardando polo pago das axudas, número que se está incrementando de forma exponencial co paso do tempo. Explotacións realizaron case 2,1 millóns de euros de investimento en plans de mellora e están a agardar desde hai moitos meses polo cobro de un millón de euros en axudas para estes investimentos, co risco de que chegados a estas alturas do ano, estes expedientes non queden pechados no presente exercicio económico causando un grave perxuizo económico ás explotacións agrogandeiras.

Os representantes nacionalistas na comarca de Ordes amosaronse moi críticos coa falta de apoio ao sector agrogandeiro por parte do goberno do PP na Xunta de Galiza. Aos seu xuízo, este feito demostra que o único obxectivo do PP é o desmantelamento definitivo dun sector económico de grande importancia para Galicia.

Mocións e plenos extraordinarios
Nos concellos da comarca onde a celebración de plenos ordinarios sexa inminente, o BNG presentará unha moción para incluir na orde do día e esixir á Xunta de Galicia a solución inmediata deste problema. Por outra banda, nos concellos onde a celebración de plenos ordinarios non sexa inminente, o BNG presentará coa moción unha solicitude de celebración de pleno extraordinario co obxectivo de que poida producirse este acordo plenario coa máxima celeridade.

*