sábado, 8 de octubre de 2011

Castro sospeita dunha "dobre contabilidade" no Concello de Ordes

Segundo o nacionalista, a Intervención municipal advirte da existencia de 1,3 millóns de gasto sen contabilizar nos orzamentos do ano 2010

O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro alertou hoxe da existencia dun informe da intervención municipal que “confirma a existencia de 1,3 millóns de euros de gasto que non se contabilizaron nos Orzamentos de 2010, o que fai sospeitar da existencia dunha dobre contabilidade no Concello de Ordes”.

Gonzalo Castro salientou que “o informe advirte do total incumprimento do Plan de Saneamento aprobado pola Corporación en 2009 e da existencia dunha débeda acumulada por habitante de 662 euros, situando a Ordes como un  dos concellos galegos máis endebedados.”. Segundo este, “a situación á que ten levado o alcalde ao Concello é tan crítica que a intervención municipal aconsella neste informe non solicitar ou, de ser o caso, rexeitar calquera subvención na que o Concello teña que aportar unha porcentaxe do investimento”.

"Aval" ao alcalde por parte do PP
Finalmente, Gonzalo Castro lamentou que “no último Pleno o PP, coa súa abstención, facilitase a aprobación da Conta Xeral de 2010, avalando unha xestión máis que sospeitosa dos recursos públicos por parte do alcalde de Ordes, tal e como se deduce do contido do informe da intervención municipal”.

*