Xesús Pedreira durante a lectura do seu pregón das festas do barrio ordense do Piñeiro. |
O secretario xeral dos socialistas de Ordes ofreceu onte o seu pregón aos veciños do Piñeiro
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, ofreceu na mañá de onte o pregón das Festas do Piñeiro, que se celebraron no barrio da vila. Pedreira Mirás aproveitou a ocasión para lanzar unha mensaxe de ánimo nestes tempos de crise económica asegurando que “xa saímos doutras peores e tamén sairemos desta crise económica coa axuda de todos”.
A chegada do pregoeiro ao Piñeiro prodúxose nun carro tirado por un cabalo. |
Contido íntegro do pregón
Benqueridos veciños e veciñas do Piñeiro. É para min unha honra e unha enorme satisfacción persoal estar hoxe aquí con todos vós. Por iso, en primeiro lugar quero darlles as gracias aos que o fixeron posible: os membros da Comisión de Festas do Piñeiro, para os que pido un forte aplauso.
Un aplauso que teñen moi merecido pois o seu traballo non é nada fácil. Que eu estea hoxe aquí, dando este pregón, é un exemplo. Coa que está caendo sobre os políticos, xa hai que ter valor para escoller a un político para dar o pregón.
Bromas aparte, como dicía, estes homes e mulleres ben merecen ese aplauso porque, se por algo se caracteríza esta Comisión de Festas, é polo seu valor. Mentres noutros lugares deixaron de celebrar festas por mor da crise económica, estes homes e mulleres foron quen de sacar adiante un ano máis as festas do Piñeiro cun programa moi atractivo. Unhas festas que comezaron sendo as dun barrio de Ordes pero que xa son unha referencia no calendario festivo da comarca. E para iso fai falla moito traballo e moito esforzo.
Non vos vou soltar ningunha parrafada e menos un mítin político, pois hoxe viñemos aquí de festa e non quero facer esperar aos da orquestra Trole. Pero volvo repetir que é para min unha satisfacción persoal estar hoxe aquí polo meu vínculo con esta zona. Corenta anos. Xa vai para máis de corenta anos que hai unha familia dos Mirás aquí no Laranxal, cando a tía da miña naí se instalou aquí no Piñeiro canda os seus cinco fillos. Pero ademais, o Piñeiro é unha fonte inagotable de lembranzas para min.
Recordo cando viñamos ao colexio ao Piñeiro, a aquel edificio que ía ser unha cárcere e que rematou converténdose un instituto de bacharelato. As voltas que dá a vida, ¿non si?.
De feito, moitas das miñas mellores lembranzas de mozo teñen que ver con este barrio do Piñeiro. Lembro especialmente as anécdotas que nos pasaron cando comezabamos a andar ás mozas. Vou ser discreto, que ninguén se asuste.
Recordo como nos xuntabamos todos os amigos en San Paio de Buscás. Baixabamos todos moi xuntiños e moi arregladiños polo Piñeiro. Iso si, teño que recoñecer que a volta a casa non era nin tan ordenada, nin tan xuntiños, nin tan arregladiños... Cousas da mocidade. Moitas desas baixadas eran para esperar ás rapazas que traballaban aí en Viriato. Incluso houbo algún da pandilla que chegou a casar cunha delas.
A miña vida estivo ligada á política dende moi novo. E esa nova faceta tamén estivo moi vencellada ao Piñeiro. Recordo con especial cariño esas charlas con Inocencia, no Bar Graña, onde os socialistas adoitabamos facer os nosos mítines. Unhas charlas nas que Inocencia e mais eu falabamos de todo: de política, da actualidade, dos problemas do Piñeiro...
Uns problemas que sempre tiven presentes durante a miña etapa no Goberno do Concello de Ordes. Mirade se serviron ou non esas charlas con Inocencia. Así, recordo que a apertura da rúa do Laranxal foi unha das miñas teimas persoais no Goberno. E vós, que me coñecedes, sabedes ben o teimudo que podo chegar a ser. Prometín diante de todos vós que se ía abrir, e abríuse. Así é como se dignifica a actividade política.
Pero non é hoxe un día para falar de política, nin de crise económica. As festas do Piñeiro son un día para pasalo ben, coa familia, cos amigos... e esquencer por unhas horas a nosa rutina diaria.
Sei que vivimos uns tempos difíciles. E pode que a partires do vindeiro 20 de novembro aínda sexan peores, cando os lobos quiten os pelexos de cordeiro que levan agora ás costas e comecen a morder. Pero gustaríame rematar este pregón cunha mensaxe de esperanza.
Hoxe compartín convosco as miñas lembranzas sobre o Piñeiro. E a razón de facelo foi para que vós tamén pensarades comigos naqueles tempos pasados. Estou seguro de que, se o pensades ben, ademais de moitas anécdotas felices tamén recordaredes momentos difíciles, momentos de crise, momentos de apertarse ben o cinto...
Pero o importante é que hoxe estamos todos aquí. Quero dicir, que fomos quen de superar todos aqueles atrancos. E eu estou completamente convencido de que tamén imos saír desta. Vainos levar tempo, vainos dar traballo, pero estade seguros de que imos saír adiante.
“Comenzade facendo o que é necesario, despois o que é posible e, de súpeto, estaredes facendo o imposible”. Non son palabras miñas, son de san Francisco de Asís, pero seguen sendo válidas nove séculos despois.
Moitas grazas a todos por esta honra que me fixéchedes e disfrutemos todos destas festas.
Programa de festas
Xesús Pedreira deu o seu pregón xusto despois da misa solemne e xusto ante das actuacións de Sementes do Arte e da orquestra Trole. Á noite, as Festas do Piñeiro pecháronse coa verbena popular a cargo da orquestra Trole e o grupo local A cona ye-yé.*