martes, 4 de octubre de 2011

A Mancomunidade pide asinar xa a mellora da estrada Ordes-Cerceda


Regos considera que a ampliación da estrada entre Ordes e Cerceda “é moi importante xa que comunica os polígonos industriais de ambos municipios”

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou onte por unanimidade unha moción para solicitarlle á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Industria, Turismo y Comercio a axilización da sinatura do convenio para a mellora e ampliación da estrada AC-400, que une Ordes e Cerceda. Unha petición que foi apoiada por todos os alcaldes reunidos hoxe en Cerceda xa que “é un vial moi importante para o desenvolvemento desta comarca, pois dará un mellor servizo ás empresas dos polígonos de Ordes e Cerceda e suporá tamén unha alternativa de saída á circunvalación que se está a construir”, explica o presidente da Mancomunidade, Manuel Regos.

As obras teñen un orzamento de máis de 2,8 millóns de euros procedentes do Plan Miner e foron conseguidas polo Concello de Ordes no ano 2008. O proxecto foi elaborado pola Xunta de Galicia en 2010, por un importe de 150.000 euros, polo que só resta a sinatura do convenio entre o Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio para que poidan adxudicarse as obras.

Características do vial
Uns traballos que inclúen o ensanche e mellora da estrada que une Ordes (N-550 á altura do polígono industrial de Merelle) con Cerceda (ata o límite municipal). Un vial de 8.275 metros de lonxitude e que pasa polos lugares de A Portela, Pedre, O Cruceiro, Bailia e Vilasenín. As obras teñen un prazo de execución de 24 meses.

Na actualidade, o ancho medio desta estrada é de sete metros, dos que só seis son aproveitables para o tráfico rodado. O novo proxecto contempla ampliar esta estrada ata acadar un ancho total da plataforma de dez metros, con arcéns de metro e medio a cada lado. Unha nova anchura á que habería que engadir sendas cunetas dun metro de ancho cada unha.

Así mesmo, o proxecto contempla a mellora do firme da estrada, que pasará a ter unha categoría especial para soportar tráfico pesado, e varias actuacións nas cunetas para favorecer a evacuación do auga e impedir o seu taponamento pola maleza. Para a realización destas melloras será preciso repoñer os postes de electricidade, alumeado e telefonía existentes ao longo do vial, debido á súa proximidade á calzada.

Servizos mancomunados
Despois do pleno, os alcaldes participaron nunha reunión de case catro horas nas que comezaron a traballar nos primeiros servizos mancomunados que se van crear nesta lexislatura. “Imos intentar poñer en marcha os servizos mancomunados de grúa municipal e de recollida de animais abandoados, que non existen na actualidade en ningún dos concellos da comarca e que consideramos moi interesantes”, sinala Regos Boquete. Agora, os técnicos da Mancomunidade traballarán na busca de financiación para a posta en marcha destes novos servizos.

Así mesmo, os alcaldes tamén acordaron estudiar a elaboración de convenios de colaboración coa Policía Local para poder dar ampliar este servizo a aqueles municipios que non dispoñen del. Na actualidade, dispoñen de Policía Local os concellos de Ordes, Cerceda, Oroso e Tordoia. Finalmente, Manuel Regos tamén explicou que “os alcaldes falamos para poder acometer conxuntamente os arranxos naquelas estradas que crucen varios municipios, de xeito que non queden tramos arranzados e outros sen arranxar”.

A reunión de hoxe tivo lugar na casa consistorial de Cerceda e estivo presidida por Manuel Regos. Ademais, tamén participaron os alcaldes de Cerceda, Xosé García Liñares; Frades, Miguel Prado Patiño; Mesía, Mariano Iglesias Castro; e Oroso, Manuel Mirás Franqueira. Por Tordoia participou o seu primeiro tenente de alcalde, Amadeo Cancela, mentres que o alcalde de Trazo, Xosé Dafonte Varela, finalmente non puido participar na sesión. 

*