domingo, 2 de octubre de 2011

Castro acusa a Regos de ocultar o debate das contas convocando un pleno extraordinario en horario de baixa audiencia

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes.

Castro: "Este asunto podería terse tratado no pleno de setembro e non gastar agora outros 2.500 euros que é o que custa a celebración dun pleno municipal en Ordes"

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes acusou onte ao alcalde, Manuel Regos, de “intentar ocultar aos veciños o debate da conta xeral e da suba das taxas municipais, convocando un pleno extraordinario para o venres 7 ás 09:00 horas das mañá, cando debía telos incluido no pleno ordinario celebrado este xoves, ás 20:00 horas”.

Para o portavoz nacionalista resulta evidente que  “o alcalde non incluiu a conta xeral no pleno ordinario de setembro, celebrado o xoves, para evitar que os veciños e veciñas de Ordes poidesen asistir ao debate e coñecesen a nefasta xestión realizada polo goberno municipal, tal e como se constata nun informe da Intervención municipal do Concello de Ordes, informe que forma parte da documentación da conta xeral de 2010”.

As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O alcalde convoca unha semana despois deste pleno ordinario, outro pleno extraordinario, ás 09:00 horas, para evitar tanto a asistencia de público como o seguimento do pleno pola radio polos veciños e veciñas de Ordes, ao tratarse de horario laborábel”.

“Esta actitude do alcalde convocando un pleno extraordinario tan só sete días despois de terse celebrado o pleno ordinario de setembro, onde podían terse tratado todos os asuntos, vai costarlle aos veciños e veciñas de Ordes 2.500 euros das arcas públicas, nun despilfarro que só é consecuencia da actitude irresponsábel e caprichosa de Manuel Regos ”.

“A situación de Ordes é insostíbel, cun alcalde unicamente preocupado de evitar que os veciños coñezan a situación real do Concello, e un goberno municipal que leva máis de cen días de vacacións”.

*