viernes, 28 de octubre de 2011

O documento do PXOM de Ordes será exposto aos veciños antes da súa aprobación

Os interesados poderán consultalo no departamento de Urbanismo do Concello de Ordes ao longo do mes de novembro

O Goberno municipal explicou tamén os motivos do retraso na aprobación deste trascendental documento

O Concello de Ordes exporá ao público o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) antes de que se leve a cabo a súa aprobación inicial. Hoxe mesmo, o alcalde, Manuel Regos, anunciou que o documento estará exposto no departamento de Urbanismo do Concello, situado no tereceiro andar, dende o día 2 ata o 30 de novembro. Durante este período estará aberto o prazo para que os veciños e veciñas do municipio realicen consultas e presenten as súas suxerencias. Tal e como explicaron dende o Concello, co fin de facilitar o labor de localización das fincas é preciso que os propietarios, na medida do posible, acheguen algún documento no que conste a referencia catastral das mesmas.

A exposición ao público do PXOM acordábase onte por unanimidade por parte de todos os membros da corporación municipal a proposta dos grupos municipais do PP e BNG. Nesta particular, o seu portavoz destes últimos, Gonzalo Castro, salientou que “desde o BNG nin compartimos a actitude dun goberno municipal que pretende evitar que os veciños participen e poidan presentar sugerencias ao PXOM, nin tampouco a do PP que propón a creación dunha comisión política coa intención de retrasar a tramitación do PXOM e a súa remisión á Xunta para que poida ser aprobado”. Respecto a esto último, o PP retirou a súa proposta de creación dunha comisión política.
 
Pola súa parte, Manuel Regos mostrou a súa satisfacción e agradecemento ao resto de compañeiros de corporación por chegar a un acordo conxunto neste tema que asegurou “é vital para o desenvolvemento do noso municipio”.

Retraso no PXOM
No pleno, o grupo de goberno tamén se quixo defender dalgunhas das acusacións da oposición en relación ao retraso na elaboración deste documento e presentou un informe realizado polos técnicos encargados na elaboración do Plan Xeral, no que se especificaba cada un dos pasos dados ata este momento. Así, o alcalde explicou que o documento presentado á Xunta de Galicia en 2007 retirouse porque recibiu moitas correccións do goberno autonómico, a planimetría e o voo quedaban obsoletos, ao ser de 1996, e era máis viable facer un novo plan que seguir co documento anterior. Desta maneira houbo que empezar de cero con todo o proceso que, posteriormente, se viu tamén retrasado pola nova Lei do Solo aprobada pola Xunta que provocou que houbera que adaptar o documento a esta nova lexislación.

Ademais, no pleno celebrado onte pola tarde tamén se aprobou por unanimidade de todos os grupos dous puntos da orde do día relativos á aprobación da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria; e a ordenanza reguladora do servizo de tanatorio municipal, así como o sorteo dos membros das mesas electorais para o vindeiro 20 de novembro.

Canteira de Leira
En canto ao resto de mocións debatidas no pleno, aprobouse tamén unha presentada polo edil do PSdeG-PSOE, Xesús Pedreira, na que se solicitaba que se enviasen as alegacións pertinentes á Xunta de Galicia para que non se reinicie a actividade extractiva na canteira situada entre O Brumeiral (Leira) e Porto (Ardemil), polos problemas que poida acarrear aos veciños da zona. Neste punto o alcalde, Manuel Regos, explicou que se fará todo o posible para denegar a licenza, aínda que o Concello terá que cumprir coa lei e co que lle marque a Xunta.

Unha segunda moción presentada tamén polo edil socialista pedía a inclusión no POS dunha serie de obras, moción que finalmente se decidiu deixar sobre a mesa, xa que se acordou que se estudiarán as propostas de todos os grupos para o POS e decidiranse as máis prioritarias.

Explotacións agrogandeiras
Por outra banda, o BNG presentou unha moción na que se instaba demandar á Consellería de Medio Rural que faga efectivo o pago das axudas aos plans de mellora das explotacións agrogandeiras, así como esixir á Xunta a solución dos problemas derivados da falta de medios da Oficina Agraria Comarcal. Moción que foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno (UxO), BNG, PSOE, CIdeGa e a abstención dos edís do PP. 

A concelleira do BNG, Montserrat Rei, amosou a súa satisfacción pola aprobación desta iniciativa xa que “son moitas as explotacións afectadas polo retraso, que xa pasa do medio ano, no pago das axudas aos plans de mellora, que xa superan unha cantidade total de un millón de euros, o que están ocasionando un gran quebranto económico a un sector moi importante para a nosa comarca”.

Outra moción dos nacionalistas propoñía que as comisións informativas estean formadas por un membro de cada grupo político con representación na Corporación, e con voto ponderado, unha cuestión que non se debatiu ao ser rexeitada a urxencia da moción.

Merelle
Por último, aprobouse tamén por unanimidade, unha moción presentada polo PP para tomar as medidas necesarias e arranxar as carencias que provocan asolagamentos frecuentes en vivendas de Merelle.

Como particularidade, ao comenzo da sesión plenaria gardouse un minuto de silencio en memoria do exalcalde de Val do Dubra, Juan Manuel Baleato, e do pai dun dos edís do PP, Pedro Carrasco, ambos recentemente falecidos.

*