O portavoz municipal do PP denuncia que o Goberno quere aprobar inicialmente o PXOM sen periodo de información pública
O grupo municipal popular reclamará no pleno de mañá unha comisión informativa especial de seguimento
Luz e taquígrafos é a demanda do Partido Popular respecto a Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ordes, que o Concello pretende aprobar inicialmente sen someter previamente a información pública, confirmando as sospeitas de parcialidade que segundo os populares, circulan de boca en boca desde hai meses.
Segundo o PP, para evitar a “cacicada” que pretende perpetrar o equipo de Manuel Regos, o Grupo Municipal do Partido Popular defenderá no pleno deste xoves unha moción para instar ao Concello de Ordes a crear unha comisión informativa especial de seguimento do PXOM, integrada por representantes de todos os grupos políticos representados na corporación para coñecer todos os detalles do documento.
Naqueles casos nos que se requira unha análise máis detallado, os populares ordenses propoñen que podan aportar a través de grupos de traballo, ideas e propostas, profesionais vinculados co PXOM, como arquitectos ou enxeñeiros, pero tamén colectivos, como as asociacións de veciños, culturais e deportivas de Ordes. Todo elo encamiñado a un maior enriquecemento da transparencia coa que debe ser elaborado un documento de tanta importancia para o desenvolvemento futuro do municipio.
Exposición pública
Con todo, o PP de Ordes considera esencial que o Concello expoña ao público o documento do PXOM, antes da súa aprobación inicial, de maneira que os propietarios reciban información directa e veraz e poidan formular suxestións e alegacións. O PP reclama que, ademais da exposición pública, se celebre, polo menos, unha reunión informativa en cada unha das parroquias e nun horario que facilite unha participación masiva dos veciños.
O portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, xa adiantou que o PP de Ordes non apoiará a aprobación inicial do PXOM se previamente non se efectúa a exposición pública do mesmo para que os veciños teñan un coñecemento directo do documento.
José Luis Martínez Sanjurjo. |
"Que non conten con nós para consumar unha cacicada que pretenda dar carta de natureza aos escuros intereses que rodean a elaboración deste PXOM, como levamos meses advertindo”
"Como xa acontecera coas festas patronais de 2007, pagadas dúas veces por un capricho do alcalde, o Concello de Ordes tamén pagou dúas veces a elaboración do PXOM, xa que nada máis asumir a alcaldía, Regos anulou o documento encargado anteriormente"
*