domingo, 30 de octubre de 2011

Martínez Sanjurjo quere que a web municipal 'colgue' o documento do PXOM

A moción dos populares obriga ao Concello a expoñer públicamente o trascendental documento do urbanismo ordense  

Haberá reunións informativas masivas nas parroquias do municipio

O Partido Popular de Ordes informou onte que a moción presentada polo grupo municipal popular e aprobada no Pleno municipal celebrado o pasado xoves obrigará ao Concello de Ordes a expoñer publicamente o avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) durante un período de 30 días naturais, a partir do vindeiro mércores día 2 de novembro, de maneira que os veciños poden coñecer o contido do documento e formular suxestións. A moción do PP evita que o Concello remita o documento do PXOM a Xunta sen unha primeira exposición pública, como pretendía, segundo os populares, facer inicialmente o equipo de Goberno de Manuel Regos.

A iniciativa do PP reclama que, ademais da exposición pública, se celebre, polo menos, unha reunión informativa en cada parroquia e nun horario que facilite unha participación masiva dos veciños.

Comisión informativa
Outra das propostas recollidas na moción do PP e que pretendía crear unha comisión informativa especial de seguimento do PXOM ata a sua aprobación definitiva, integrada por representantes de todos os partidos da Corporación para coñecer os detalles do documento, foi retirada ó aceptarse por parte do grupo do goberno a inclusión do seguimento e información da tramitación na convocatoria da comisión permanente de Obras e Urbanismo.

Os populares ordenses tamén propoñían crear grupos de traballo para que os profesionais vinculados co PXOM, como arquitectos ou enxeñeiros, pero tamén asociacións de veciños, culturais e deportivas de Ordes, puidesen aportar propostas de mellora. A pesares de que con esta medida se buscaba enriquecer a transparencia do documento, os demais grupos municipais rexeitaron a idea. Pese a isto, os populares xa se comprometeron a esixir a súa creación nun futuro.

Asimesmo, na comisión informativa do pasado venres 28, os populares indicaron da importancia de que se colgue un enlace do documento na páxina web municipal permitindo a súa descarga e a presentación de suxestións por vía telemática.

José Luis Martínez Sanjurjo.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"Con esta moción, o PP acada maior transparencia para o proceso, e evita que o Concello cometa unha cacicada, dado que sobre a elaboración do PXOM pesan na opinión pública serias dúbidas de parcialidade"

“As nosas únicas ataduras son os compromisos que adquirimos cos electores durante a campaña electoral e xamais apoiaremos unha proposta de Regos que vaia en contra dos intereses dos veciños de Ordes”

*