jueves, 6 de octubre de 2011

O BNG pedirá modificar as ordenanzas fiscais de Ordes para beneficiar ás persoas con menos recursos e servizos públicos

Castro: "A política fiscal do Concello debe atender á situación económica-social dos contribuintes, de acordo cos principios de equidade e xustiza social"
 
Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, fixo públicas hoxe unhas propostas de modificación das Ordenanzas Fiscais para “favorecer ás persoas con menos recursos e servizos públicos”, segundo manifestou o portavoz nacionalista. Estas propostas serán debatidas no pleno extraordinario de mañá, ás 09:00 horas.

Os nacionalistas ordenses propoñen unha modificación da ordenanza municipal de prezos públicos engadindo a exención do pago de prezos públicos municipais ás persoas físicas que acrediten estar en situación legal de desemprego ou sexan persoas perceptoras de pensións da Seguridade Social na contía mínima legalmente establecida.

Gonzalo Castro xustificou esta proposta salientando que “a política fiscal do Concello de Ordes debe atender á situación económica-social dos contribuintes, de acordo cos principios de equidade e xustiza social, máxime cando en Ordes estamos a padecer de xeito moi duro os efectos da crise con perto de 1.100 desempregados”.

Redución do IBI
A segunda proposta fiscal dos nacionalistas consiste no establecemento dunha reducción do 50% do Imposto Municipal sobre os Bens Inmóbeis (IBI), para aqueles bens que carezan de servizos e dotacións de auga e/ou saneamento.

Castro defendeu esta proposta aludindo a que “é de xustiza establecer unha reducción do IBI para as persoas que viven en zonas sen servizos público de abastecemento e saneamento de auga, e que se viron por tanto obrigadas a realizar investimentos para dotarse dos mesmos”.

O portavoz nacionalista manifesou o seu “convencemento de que estas propostas serán apoiadas por todos os grupos municipais, porque todos debemos compartir a necesidade de aplicar políticas fiscais máis xustas que teñan en conta a situación das persoas que posuen menos recursos e servizos públicos”.

Enmendas nacionalistas
Emenda primeira: Modificación da ordenanza fiscal número 1, reguladora do Imposto Sobre Bens Inmobles (IBI). Modificase o artigo 6, engadindo un novo apartado 5 co seguinte tenor literal: 

5. Terán dereito a unha bonificación do 50 por cento na cota íntegra do imposto os ben inmóbeis que carezan dos servizos e dotacións de auga e/ou saneamento.

Emenda segunda: Modificación da ordenanza xeral de prezos públicos do Concello de OrdesEngádese un artigo 10, co seguinte tenor literal: 

Artigo 10.  Bonificacións. As persoas físicas obrigadas ao pago dos prezos públicos pola prestación de servizos municipais do Concello de Ordes, terán dereito a unha bonificación do 100 por 100 da cantidade a ingresar cando acrediten estar en situación legal de desemprego ou sexan persoas perceptoras de pensións da Seguridade Social na contía mínima legalmente establecida.

*