domingo, 2 de octubre de 2011

Quen foi realmente Alfonso Senra?

O avogado madrileño Alfonso Senra (1877-1951) na cuberta do libro do historiador Manuel Pazos.

A súa aportación ao noso municipio foi ínfima e únicamente valeuse do noso distrito para facerse cunha plaza no Congreso de Madrid

Foi partícipe do expediente de condea e retirada da nacionalidade española a Niceto Alcalá-Zamora

Dende Ordessiete abogamos porque a avenida de Alfonso Senra recupere o seu nome orixinal de Rúa Real

A principal arteria de Ordes que atravesa a vila de norte a sur na mesma Nacional 550 Tui-A Coruña leva o nome de Alfonso Senra. A avenida inclúe, ademais dos principais establecimentos hoteleiros e de restauración da vila, a Alameda de Ordes e mesmo a Casa do Concello de Ordes no seu número 108.

Pero quen foi realmente Alfonso Senra Bernárdez? Intentaremos esclarecer a vida e obra deste personaxe que viviu durante o periodo histórico denominado Restauración borbónica de España, e que conta co privilexio de inmortalizar co seu nome a avenida con maior identidade do noso municipio.

Alfonso Senra Bernárdez naceu en Tui (Pontevedra), en 1877. Foi fillo de Ricardo Senra, alcalde de Vigo en dúas ocasións. Estudiou Dereito en Madrid. Avogado de profesión, pronto despertaría interese hacia a prensa. Foi membro do Partido Liberal, nun periodo histórico caracterizado polo caciquismo en defensa dos intereses dos prohomes dos partidos hexemónicos, e de alternancia no poder entre eles, o Conservador e o Liberal, cun pacto que pretendía de paso afogar á oposición galeguista e de esquerdas. Neste escenario, non lle resultaría difícil a Senra alcanzar o escano en Madrid.

Deputado por decreto
Así, co apoio do cacique comarcal Saturnino Aller, tío do astrónomo Ramón María, orixinarios da zona de Mesía, Alfonso Senra consegue en 1916 que o seu partido o coloque en posto de saída polo distrito de Santa María de Ordes, territorio co que nunca tivera previa relación. O escano o lograría ademais sen previa elección e por designación directa da Xunta Provincial Electoral. Senra, pese a representarnos, endexamais vivira en Ordes nen tivo residencia nin vinculación algunha coa comarca ordense. Tampouco a tería logo das eleccións. Dende Madrid enlazaría Alfonso Senra ata cinco lexislaturas de moi curta duración, sempre en representación do distrito coruñés de Santa María de Ordes.

Na carreira de san Xerome estaría dende abril de 1916 ata xuño de 1923. Serían anos dourados para o tudense. Vivindo na capital e baixo as ordes do ministro madrileño, o tamén avogado e xornalista Rafael Gasset Chinchilla, ocuparía Senra a súa secretaría ministerial e posteriormente a Dirección Xeral de Minas. Posteriormente, tamén formaría parte do equipo do ministro lugués Manuel Portela Valladares durante o seu paso polo Ministerio de Fomento, antes de ser este presidente do Goberno durante a Segunda República.

Sería durante a curta lexislatura de 1923 cando o o pleno da corporación municipal do Concello de Ordes, reunido o 15 de agosto dese mesmo ano e co gallo das festas patronais, decide outorgarlle a Alfonso Senra a súa insignia de fillo adoptivo. Coma se este xesto non fora suficiente e nun exercicio extremo de servilismo, o pleno presidido polo por aquel entonces alcalde de Ordes, Manuel García Bernárdez, decide tamén honrar ao descoñecido avogado co bautismo co seu nome "a la mejor calle de la ciudad". A sacrificada sería a rúa Real, que a partires de aquel verán pasaría a chamarse avenida de Alfonso Senra. Resulta significativo coñecer que da aportación de Senra á vila de Ordes, o historiador Manuel Pazos só logra identificar significativamente o adoquinado dunha rúa, precisamente da rúa Real.

Ingresa no partido de Primo de Rivera
Poucas semanas despois deste feito, coa chegada do Directorio de Miguel Primo de Rivera en setembro de 1923, Senra cesaría nos seus cargos públicos, pasando a refuxiarse na súa profesión de avogado e articulista de prensa en xornais como La Nación, onde se especializaría en crónica de tribunais de xustiza. Dende alí agardaría por unha nova oportunidade. Chegaría esta en 1927, previo ao ingreso no partido Unión Patriótica de Primo de Rivera. Dende alí voltaría á cámara baixa das Cortes, rebautizada polo novo orde coma Asamblea Nacional Consultiva. Tamén naquel mesmo ano, un buque inglés chamado orixinalmente Blue Cross vendido nese ano a Naviera Celta foi rebautizado co seu nome. Co tempo, o barco quedaría durante a guerra civil baixo control republicano, pero sería capturado pouco despois e transformado en barco mercante artillado en servizo da Mariña nacional.

Pero xa antes, o 25 de xuño de 1923, Alfonso Senra habería de ser nomeado vicepresidente do Ateneo de Madrid que fundara en 1835 o duque de Rivas. Tradicionalmente democrático, o Ateneo científico, literario e artístico de Madrid estivo intervido durante dúas etapas: entre 1923 e 1930, cando precisamente Senra forma parte da súa directiva, e durante o réxime franquista, que pasou a depender, primeiro de Falange Española e logo da Dirección Xeral de Propaganda adscrita ao Ministerio de Educación.

En outubro de 1928, Senra habería de vivir un estrambótico episodio da crónica negra española. O seu fillo maior, de igual nome ca el, asasinaba a súa noiva, Dolores Polo, logo dun ataque de celos motivados na súa certeza de que a rapaza o enganaba co director da revista Cosmópolis, Enrique Meleros, publicación na que a víctima colaboraba como xornalista.   

Membro do Tribunal de Responsabilidades Políticas
Pero o seu cargo máis polémico chegaría co réxime franquista. Pouco ante da fin da guerra civil, en febreiro de 1939, as Cortes Españolas aproban a lei de 9 de febreiro de 1939, de Responsabilidades Políticas. O espíritu da norma non era outro que o de "reconstruir espiritual y materialmente la patria". Na práctica, tratábase dun instrumento para exercer presión e perseguir ao supervivintes do bando republicano, tanto ao exiliados coma aos qie permañecían na España de Franco. Así, o goberno franquista crea un corpo executivo en forma de tribunal que habería de poñer na práctica o contido da lei. Coma se de un poder administrativo-xudicial se tratara, Alfonso Senra Bermúdez formou parte del coma o seu vocal.

Sendo membro deste pavoroso corpo administrativo, o 3 de decembro de 1940, Alfonso Senra reuníase xunto co ministro de Asuntos Exteriores, Ramón Serrano Súñer, co xefe da Gestapo en España e membro das Wafen Schutzstaffel -SS-, o temido nazi alemán Paul Winzer.  

Condea a Alcalá-Zamora
Sem embargo, a súa intervención máis significativa chegaría o 28 de abril de 1941 co expediente de condea ao primeiro presidente do Goberno de España durante a Segunda República, o brilante xurista e republicano conservadorNiceto Alcalá-Zamora. Aquel expediente asinado por Senra recollía expresións coma as seguintes: “Sus errores, torpezas y desaciertos [de Alcala-Zamora, enténdese] fueron en tal número y magnitud que puede estimársele como de los principales responsables, por acción y omisión, de haber forjado la subversión roja, haber contribuido a mantenerla viva durante más de dos años y a estorbar el triunfo providencial del Glorioso Alzamiento”. 

O seu fallo sería do tenor seguinte: “Debemos condenar y condenamos a D. Niceto Alcalá-Zamora y Torres a las sanciones económicas de pago de 50 millones de pesetas, que comprende la totalidad de sus bienes; extrañamiento durante quince años; y proponer al Gobierno acuerde la pérdida de su nacionalidad española “. 

Finalmente, Alfonso Senra morrería en Madrid o 10 de decembro de 1951 aos 74 anos de idade.

Merece o seu nome na nosa principal avenida?
Logo deste percorrido biográfico cabe preguntarnos se Alfonso Senra merece o recoñecemento eterno dos ordenses. Lembremos que o anterior nome da rúa do Recreo, antes incluso de chamarse de José Antonio, soportaba o do cacique comarcal, Saturnino Aller. Os propios usos populares permitirían o mantemento a lo menos de maneira informal, do seu nome topónimo orixinal da rúa do Recreo ata 2007, cando recuperaría oficialmente o seu nome do Recreo.

Dende Ordessiete pensamos que Alfonso Senra nin tivo calado nin influencia nin aportou nada significtivo ao noso municipio. Nin viviu en Ordes, nin tivo ninguna vinculación co noso municipio, lonxe do ansiado posto como deputado do Distrito. Como se veu, tampouco foi posuidor dos valores de xustiza, igualdade, libertade e pluralismo político que hoxe en día defende e divulga a nosa Administración pública. 


A dedicatoria desta avenida en 1923 debeuse exclusivamente a un servilismo e peloteo a quen nun momento moi concreto da nosa historia, se supoñia nos representaba en Madrid. Foi, por tanto, un recoñecemento por parta daquela corporación municipal ao cargo político e non á figura persoal de Alfonso Senra Bermúdez. 

Por outra banda, haber sido partícipe do documento de condea e retirada da nacionalidade española a un excepcional demócrata como foi Niceto Alcalá-Zamora, é motivo suficiente de retirada, a lo menos do seu nome na nosa principal avenida, coa natural consecuencia de que a Nacional 550 ao seu paso por Ordes recupere o seu nome orixinario de Rúa Real.  

*