A medida, que faría pasar dos nove edís actuais a catro, aforraría preto de 15.000 euros anuais nas arcas municipais
Cada concelleiro cobra 105 euros por "indemnización por asistencia" en cada unha das sesións
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou na tarde de onte que o seu grupo político proporá ao pleno da corporación municipal de Ordes a redución do número de membros en cada unha das comisións informativas da corporación municipal. A proposta dos nacionalistas defende a presenza nas comisións informativas de só un concelleiro por cada grupo político, con voto ponderado en función da representación dos mesmos.
Castro salientou que esta proposta “pasaría de nove a catro o numero de concelleiros nas comisións, o que reducirá significativamente o gasto en indemnizacións a concelleiros por asistencia a comisións informativas, aforrando perto de 15.000 euros anuais ás arcas municipais”.
Que son as comisións informativas?
Trátase dun órgano consultivo municipal onde se estudian previamente os asuntos que van ser tratados no pleno municipal. O seu estudo non ten potestade resolutoria. No concello de Ordes, a composición das comisións son de catro para UxO, tres para o PP, e un membro para o BNG e outro para o grupo mixto. Cada asistente cobra, por indemnización por asistencia, a cantidade de cento cinco euros.
Gonzalo Castro. |
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Esta proposta non mermará a calidade democrática da corporación municipal, posto que as comisións son órganos meramente informativos dos asuntos do pleno, sen o poder decisorio, por tanto, que ostenta o pleno da corporación, onde si están presentes todos os concelleiros”
“Este sistema de representación nas comisións informativas, cun concelleiro por grupo e voto ponderado está a utilizarse en moitos concellos galegos e incluso nalgunha cidade do noso país, polo aforro que supón para as arcas municipais”
*