O portavoz popular, José Luis Martínez Sanjurjo. |
O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, fixo hoxe público que a elevada morosidade que arrastra o Concello de Ordes podería incrementar aínda máis a súa débeda se algún dos contratistas reclama o cobro dos intereses de demora aos que terían dereito como consecuencia dos retrasos no pagamento das facturas por parte do equipo de Manuel Regos, que converteu a este municipio, a xuizo dos populares, nun dos máis endebedados de Galicia.
A análise da conta xeral do Concello de Ordes correspondente ao exercicio de 2010, e que o Concello someterá a aprobación nun Pleno extraordinario convocado para o próximo venres, 7 de outubro, revela, a tenor dos populares, "unha situación agónica das contas municipais".
Así, continúan, "o índice de liquidez do Concello de Ordes sitúase en 0,41, revelando o estado crítico das contas, dado que calquera índice inferior a 0,50 indica que a Administración local carece de capacidade inmediata para facer fronte ás súas obrigas".
Indice de solvencia
O mesmo sucede co índice de solvencia (0,80), que pon de manifesto que o Concello de Ordes non e capaz de afrontar as súas débedas a curto prazo, acreditando unha situación de clara insolvencia.
Segundo os populares ordenses, a análise da conta xeral do Concello de Ordes de 2010 deixa en evidencia unha xestión económica “chapuceira”. O feito de que o resultado orzamentario sexa negativo revela que os gastos xerados foron moi superiores á previsión de ingresos, a pesar de que esta estaba inflada artificialmente como advertira o PPdeG.
Tamén se acredita un abuso da figura do contrato menor (por importe de menos de 50.000 euros cando se trate de obras e de ata 18.000 euros para outros contratos), que o Concello utiliza reiteradamente para evitar a realización propostas previas de gasto que outorgarían un maior rigor á xestión orzamentaria do Concello. Así, co contrato menor, a Intervención non ten coñecemento do gasto ata que recibe a factura.
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"A conta xeral de Ordes de 2010 constitúe unha boa radiografía da situación de extrema gravidade na que se atopan as arcas municipais, un feito de extrema gravidade que ten un único responsable: o alcalde Regos, que malgastou recursos de todos na súa campaña electoral logo de catro anos nos que derrochou os cartos dos veciños a mans cheas, ignorando que as facturas deben pagarse e que os créditos hai que devolvelos”.
*