miércoles, 26 de octubre de 2011

O PSOE de Ordes alerta de posibles contaminacións nas augas por mor da actividade da canteira de Leira

Pedreira reclamará no pleno municipal que non se conceda licencia municipal para esta actividade extractiva

O concelleiro socialista Xesús Pedreira advirtiu hoxe dos riscos que pode supoñer para os veciños de Leira e da Vila de Ordes o reinicio da actividade extractiva na canteira situada entre O Brumeiral (Leira) e Porto (Ardemil), coñecida como “a de Nicanor”. Unha canteira abandoada hai anos e que acaba de solicitar autorización para o reinicio da súa explotación.

“Esta canteira linda co río Cabrón, pertencente ao LIC do Tambre da Rede Natura, e río abaixo ubícase a ETAP de captación de auga para a zona periférica e o núcleo da Vila de Ordes. Pensamos que reiniciar esa actividade sería perxudicial para os veciños da parroquia de Leira e, sobre todo, para a calidade da auga que consumen os veciños de Ordes”, explica Xesús Pedreira. Por iso, o edil socialista solicitará no pleno de mañá xoves que o Concello de Ordes faga as alegacións pertinentes diante da Xunta de Galicia para que non se leve a cabo esta actividade extractiva e que non conceda a licenza municipal para o desenvolvemento desta actividade.

Saneamento
Por outra banda, o secretario xeral dos socialistas de Ordes tamén presentará diante do pleno unha serie de obras demandadas pola veciñanza ordense para a súa inclusión no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña. “No ano 2008 a Deputación fixo o saneamento do límite do concello con Brea, no Mesón do Vento, pero esta rede quedou sen conexión á rede xeral, polo que é preciso poñela a funcionar”, sinala Xesús Pedreira. Por iso propón a construción dunha depuradora nas proximidades do embalse de Vilasenín. “Así se uniría aos núcelos de As Raposeiras, Orellán de Arriba, Orellán de Abaixo e Porta do No, permitindo dar servizo a 265 veciños”, explica o concelleiro socialista. O custe deste proxecto rondaría os 125.000 euros.

Así mesmo, os socialistas ordenses tamén propoñen que se remate a primeira fase das obras de abastecemento e saneamento na Espenica pois “cunha cuantía mínima poderíamos poñer en valor unha obra moi necesaria para mellorar a calidade de vida dos veciños desta zona”. Finalmente, o PSdeG tamén solicita melloras en dous camiños en Fosado (Santa Cruz de Montaos) e Vilamaior, así como obras de alcantarillado e beirarrúas no Seixo (Ardemil), por ser a porta de entrada do Camiño Inglés en Ordes “e atoparse en pésimas condicións”, sinala Pedreira Mirás.

*