miércoles, 5 de octubre de 2011

Ana Pontón leva ata o Parlamento de Galicia a mala situación da estrada Ordes-Cerceda

Ana Pontón (no centro), hoxe xunta Roció da Igrexa, do BNG de Frades; e Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.

A deputada nacionalista reclamará á Xunta de Galicia que execute as obras de ensanche e mellora do vial entre os dous municipios

Gonzalo Castro lembra que o PP votou en 2010 en contra desta iniciativa

O grupo parlamentario do BNG rexistrou hoxe unha proposición non de Lei no Parlamento de Galicia, para instar á Xunta de Galicia a executar, no prazo de tres meses, as obras de ensanche e mellora do viario que une Ordes con Cerceda. A deputada parlamentar  Ana Pontón, xunto cos portavoces municipais do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, e de Cerceda, Rocío da Igrexa, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa para dar a coñecer a perigosa situación desta estrada.

Ana Pontón indicou que “O BNG vén defendendo a necesidade de arranxar a estrada que comunica os polígono industriais de Ordes e Cerceda”. A razón que os leva a manter esta posición ten que ver coa "necesidade de mellorar a seguridade de peóns e condutores”, engadiu. Ademais, explicou que esta estrada “soporta un elevado tráfico de vehículos pesados, ten zonas con mala visibilidade e desgrazadamente, tamén conta cun índice alto de atropelos”.

O PP, en contra do arranxo
Pola súa banda, Gonzalo Castro lembrou que o arranxo desta estrada estaba xa previsto no ano 2009 e contaba cunha partida de 3,05 millóns de euros para o proxecto de ensanche e mellora deste vial, unha parte a cargo dos fondos Miner que otorga o Ministerio de Industria a zonas carboeiras coma é a de Ordes-Cerceda.

O portavoz municipal do BNG de Ordes alertou de que este proxecto "contemplaba a ampliación a dez metros da plataforma, con beirarrúas de metro e medio a cada lado, así como actuacións e mellora de seguridade, como a instalación de glorietas”. Castro apuntou tamén que "denunciamos a paralización deste proxecto, formulamos emendas para que esta actuación se recollera no ano 2010, pero a maioría do PP impediu darlle o impulso que reclamaba o BNG, pois votou en contra desta iniciativa”, explicou.

“Non pode demorarse máis”
Ademais, a portavoz do BNG en Cerceda, Rocío da Igrexa, indicou que “no BNG facémonos eco das demandas dos usuarios e usuarias que atravesamos con frecuencia esta estrada e consideramos que esta actuación non pode demorarse máis, porque até existen sinais para indicar a localización das fochancas debido ao perigo que entraña circular por este tramo, o que evidencia a falta de seguridade viaria existente”.

O BNG rexistrou, ademais, unha pregunta para a súa resposta oral en Comisión para coñecer as razóns que xustifican a demora na execución das obras de mellora da estrada que une Ordes con Cerceda e mais o prazo de execución destas obras.

*