Os populares ordenses recordan que de non aprobarse a Conta Xeral, o Concello se vería privado de axudas procedentes doutras administracións
O Partido Popular de Ordes divulgou hoxe un comunicado polo que informa de que ante as “interpretacións interesadas” xurdidas nos últimos días, o grupo municipal do Partido Popular de Ordes aclara que coa súa abstención na recente votación da conta xeral do Concello correspondente ao exercicio de 2010 trataron de evitar “males maiores” para os veciños.
Os populares de Ordes reiteran que “para nada” comparten a “nefasta xestión municipal dos últimos anos”, pero aclaran que de non aprobarse a conta xeral de 2010, o Concello podería “verse privado de axudas procedentes doutras Administracións, con efectos negativos directos sobre os veciños”.
De feito, sempre segundo os populares, o Ministerio de Facenda ven de anunciar que reterá a unha decena de concellos galegos a súa participación nos ingresos do Estado por non ter presentado a liquidación, o que se traducirá en novos perxuizos para os veciños desas localidades.
O Partido Popular reitera a súa postura extremadamente crítica coa xestion económica do Concello de Ordes, que dedicou os pasados catro anos a financiar "obras faraónicas que ninguén reclamaba" e poñen de exemplo os baixos da Alameda, a cafetería "de luxo" do campo de fútbol, a nova Casa do Concello ou os "despachos ostentosos" para a vella Casa Consistorial.
Así mesmo, recalcan dende a agrupación local que a decisión da abstención foi moi meditada e analizada, decantándose pola mesma nun acto de absoluta responsabilidade en beneficio dos veciños.
*