.
Contemplan o proxecto como unha autovía pechada que aillaría ás parroquias de Montaos, Poulo e Buscás
O presidente da Asociación de Veciños de Pereira, Manuel Veiras Varela, ven de facer pública a presentación dunha serie de alegacións ao Estudo Informativo da Variante de Ordes co obxectivo de modificalo. Segundo Veiras, as razóns para a oposición ds Asociación que preside son as seguintes:
1º.- Perxuízos a Montaos, Pereira, Poulo e Buscás. Consideramos que as necesidades e circunstancias que motivan a aprobación do citado proxecto non xustifican a súa concepción global como unha autovía de 35 metros de ancho, xa que para conseguir desviar o tráfico da vila de Ordes e solucionar o problema de colapso existente na mesma, non é necesaria a construción dunha autovía que 12,2 km, pechada e case sen accesos, xa que aillaría grande parte da zona este do concello, provocando graves perxuízos á parroquias de Montaos, Pereira, Poulo e Buscás, que verían perxudicado o seu desenvolvemento socioeconómico.
2º.- Construír unha estrada convencional. Para dar solución aos problemas de tráfico e seguridade vial en Ordes, bastaría a construción dunha estrada convencional, que desviaría o tráfico da vila sen aillar e afectar tan gravemente ao futuro socioeconómico da zona este do noso concello, ao poder conectarse, mediante accesos, coa rede viaria secundaria existente nesta zona.
3º.- Un viaduto sobre o río Cabrón. Non parece razoábel aproximar, do xeito que se fai, aos núcleos de poboación é ás explotacións agrarias esta autovía, cando se podería alonxar significativamente construindo un viaduto sobre o río Cabrón.
4º.- Aceso na estrada a Pontecarreira. Si se pretende facer unha circunvalación a Ordes, para desconxestionar a N-550, sería lóxico construír un aceso na estrada AC-3802 (Ordes-Pontecarreira), no lugar da Pinguela, para facilitar o aceso a esta autovía, sen ter que ir até o centro da vila de Ordes, dos veciños das parroquias de Poulo e Pereira, así como os habitantes dos Concellos de Frades, Oroso e Mesía.
5º.- Que sucede coa nova rede viaria local de Pereira. O Estudo Informativo que se somete a información pública non contempla a nova rede viaria local da parroquia de Pereira, executada no proceso de concentración parcelaria da mesma. Polo que se deixan cortadas moitas desas vías e sen aceso as leiras de reemplazo. Non observando, tampouco, que a autovía teña carrís de servizo a ambos lados da calzada.
6º.- Debe facerse referencia ás traídas de auga potábel. Tampouco se contempla no Estudo Informativo exposto a información pública, as diversas traídas de auga potábel, tanto privadas como comunais que existen na parroquia, polo que se debería ampliar o Estudo e facer referencia a todas elas.
Trinta días habiles para facer alegacións
Foi o pasado 14 de xullo cando o Concello de Ordes recibía comunicación do Ministerio de Fomento dando coñecemento da entrada do estudo informativo da variante en período de información pública e audiencia, que estará aberto por un periodo de 30 días hábiles a partires da publicación do anuncio no BOE, momento que tivo lugar o pasado 11 de xullo de 2009.
As frases de Manuel Veiras, presidente da Asociación de Veciños de Pereira
"O proxecto de circunvalación presentado polo Ministerio, consistente nunha autovía pechada, vai causar un grave perxuizo económico a toda a zona este do Concello, polo que esperamos que os veciños de Montaos, Poulo e Buscás, se unan a esta reivindación dos veciños de Pereira"
"Os veciños afectados loitaremos porque se atendan as alegacións e se modifique a concepción global do Estudo Informativo da Variante de Ordes, pasando a concebirse o mesmo como unha estrada convencional, con accesos desde a rede viaria existente no concello, e alonxando o seu trazado dos núcleos de poboación e das explotacións agrogandeiras"
*