Poderás inscribirte na segunda planta da Casa do Concello
O Concello de Ordes vén de abrir o prazo de inscrición para participar nunha nova edición do curso de “Atención a persoas enfermas de Alzhéimer”, que se desenvolverá a partir do vindeiro mes de setembro. En total ofértanse 20 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición primando a aquelas persoas que teñan ao seu cargo unha persoa con esta dolencia. O curso desenvolverase no Centro Comarcal de Ordes a partir do 21 de setembro, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Alzheimer, e se prolongará ata o 6 de outubro, cun total de 40 horas de formación teórica e práctica en xornada de tarde.
En anteriores cursos participaron unha media de 15 persoas, que recibiron formación sobre como coidar a este tipo de enfermos, que soen sufrir doencias relacionadas coa inmobilización. Ademais, tamén se analizarán diversos aspectos desta enfermidade e a súa repercusión na familia e no propio coidador.
Aquelas persoas que estean interesadas en tomar parte no curso poderán formalizar a súa inscrición na segunda planta do Concello. O curso de atención a persoas enfermas de Alzhéimer está organizado pola Concellería de Sanidade de Ordes a cargo do socialista Xesús Pedreira, e conta coa colaboración da Cruz Vermella.