domingo, 30 de agosto de 2009

Recouso: "Regos pretende que sexan os veciños quenes paguen a débeda que acumula o Concello"

.
Críticas nacionalistas á carta enviada polo alcalde aos veciños solicitando a colaboración veciñal para financiar as festas

O BNG considera "inadmisíbel que se despilfarre diñeiro público e se leve ao Concello a unha situación de quebra, con máis de 5 millóns de débeda, e despois se pretenda que sexan os veciños os que paguen a mesma”

O responsable local do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, acusou esta mañán ao alcalde, Manuel Regos, de “pretender que os veciños paguen a débeda que está acumulando o Concello debido ao despilfarro do alcalde”. Segundo o nacionalista, “non é de recibo que [Regos] pretenda sangrar económicamente aos veciños de Ordes, nun momento de crise, co envío reiterado de cartas solicitando diñeiro para supostamente sufragar as festas, xa que o único responsábel do estado de quebra no que se atopa o Concello é o alcalde”.
Reproducción da carta remitida aos veciños polo alcalde:


"Se trata dunha carta que se envía todos os anos"
A preguntas deste medio, o concelleiro de Festas de Ordes, Luis Gómez Candal quixo respostar ás críticas nacionalistas alegando que se trata "dunha carta que se envía aos veciños todos os anos". Segundo o concelleiro, "este ano as festas foron un éxito de público e os veciños así o percibiron", e que estas reaccións se deben ao "nerviosismo" do BNG respecto a estes éxitos.

As frases de Ramiro Recouso, responsable local do BNG de Ordes
“Nun momento económico como o actual os recursos do Concello deberían ir destinados á creación de emprego e riqueza en Ordes, e deberían limitarse outros gastos como os destinados a festas”

“O alcalde está a practicar unha política populista, de festas e outros dispendios, co obxectivo de ocultar a paralise económica e o gran aumento de desemprego que existe en Ordes”

"O BNG considera que é inadmisíbel que se despilfarre diñeiro público e se leve ao Concello de Ordes a unha situación de quebra, con máis de 5 millóns de débeda, e despois se pretenda que sexan os veciños os que paguen a mesma”


*