Luis Gómez: "Estamos conseguindo converter a esta feira do Mesón do Vento na mellor feira de cans de caza de toda Galicia"
Varios milleiros de persoas visitaron durante esta fin de semana en Ardemil (Mesón do Vento) para disfrutaren da XVII Feira de Cans de Caza. Un evento que reuníu a máis de oitenta cazadores na xornada do sábado e a 3.000 cans de 27 razas distintas ao longo da mañán de hoxe domingo.
Os participantes saborearon o xabarín e o corzo
Os visitantes deron boa conta de 160 quilos de xabarín e 130 quilos de corzo, totalmente de balde coas súas consumicións e cortesía do Concello de Ordes, da Asociación Feira de Cans Amigos de Ardemil e das empresas colaboradoras na XVII Feira de Cans de Caza: Ferralla Lois, Reale Seguros, Moure Villaverde, S.L. e Jaime Castro. Só no recinto feiral degustouse unha churrascada con 25 quilos de xabarín e outros 25 quilos de corzo, canda outros tantos quilos de criollos.
No que atinxe aos premiados, o galardón ao Mellor Can da Mostra foi para o ordense Pedro Rodríguez, cun setter inglés, que levou un premio de 150 euros. Da mesma raza foi o segundo clasificado, propiedade de Pedro Ferreiro, de Vilamaior (Ordes), cun premio de 100 euros. O terceiro clasificado foi Pedro García, de Guísamo (Bergondo), que levou 75 euros.
O outro gran galardón da xornada foi o do mellor lote da feira, que foi para o asturiano Álvaro Fernández Braña, cunha camada de sabueso español. Así mesmo, Javier Orgueira Amor, de Carral, levou o galardón á Mellor Camada de Caza Maior, cuns exemplares de Gran Azul; Juan Carlos Pomar Pampín gañou o premio á Mellor Camada de Caza Menor (coello), cuns basset hound; e Julia Suárez Barreiro, cos seus setter ingleses, lvou o premio á Mellor Camada de Caza Menor (perdiz).
Entre os participantes había maioría da provincia da Coruña, aínda que tamén se rexistraron exemplares procedentes de Lugo, Ourense, Pontevedra, Asturias e León.
As frases de Luis Gómez Candal
"Estou moi satisfeito do resultado desta feira tanto polo gran número de cans que participaron como polo gran nivel amosado por todos os participantes, que fixo que o xurado da Feira non o tivese doado á hora de elixir aos gañadores de cada categoría”
“Co traballo de todos estamos conseguindo converter a esta feira do Mesón do Vento na mellor feira de cans de caza de toda Galicia”
*